EconomíaEconomíaÚltima hora

Sesenta comercios de Verín súmanse á II Shopping Night

Esta iniciativa desenvolverase o 9 de xuño entre as 20h. e áas 00h. e incluirá promocións e diversas actividades
Jose Ángel Rodicio, xerente de AEVER, e Santos Álvarez, presidente da asociación, no acto de presentación da Shopping Night de Verín.

Promocións, descontos e animación nas rúas co obxectivo de estimular o comercio local e ofrecer unha noite chea de sorpresas e emocións. Así se presenta a segunda edición da Shopping Night de Verín, que se celebrará o vindeiro 9 de xuño nesta localidade. Nela participarán 60 establecementos da Asociación de Comerciantes da vila de Verín (AEVER), que abrirán as súas portas desde as 20h. ata as 00h.

Todos os establecementos participantes na campaña Shopping Night serán facilmente recoñecibles xa que terán no seu exterior unha alfombra vermella e globos de helio. Durante a noite de compras, a empresa Saudeter será a encargada de ofrecer a animación nas rúas con ambientación de temática circense con zancudos, música, escuma e un coche caracterizado para a ocasión.

O programa desta iniciativa inclúe un gran sorteo de cinco cheques regalo de 50 euros e vinte cheques de 20 euros e tickets desconto para os establecementos hosteleiros asociados a AEHCOM. O sorteo, no que participarán todas as persoas que compren durante a noite de compras, será público (non presencial) e terá lugar o martes día 13 ás 20h. na sede de AEVER. Os gañadores serán informados vía telefónica e terán un período de 15 días para gastar o cheque, integramente, nas tendas participantes.

 

Un dos momentos da rolda de prensa.

Así se anunciaba no acto de presentación da Shopping Night que tiña lugar na mañá do 5 de xuño en Verín. Nel participaban Jose Ángel Rodicio e Santos Álvarez, xerente e presidente de AEVER, respectivamente. Este evento será organizado por AEVER coa colaboración do Concello de Verín, AEHCOM, Deputación de Ourense e a Xunta.

 

Cartel da actividade.

Como novidade, este ano AEVER realizará un divertido concurso nas redes sociais. Todas as persoas que se acheguen a comprar con perruca e suban unha fotografía a Facebook, Instagram ou Twitter utilizando o hastag #NoiteDeCompras e #NoitedeComprasVerín, participarán nun sorteo dun cheque regalo de 50 euros. Ao finalizar a campaña todas as fotografías subiranse ao facebook oficial de AEVER e a que consiga mais “me gusta” será a gañadora.

Fotos cedidas polo Concello de Verín.
Máis información: http://ccaverin.com/shopping-night-verin-2017/

Artigos relacionados

Back to top button