CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

Sesión de música dende a fiestra, a mellor medicina durante o confinamento

Os veciños de varios bloques de edificios do Barco seguen o ritmo tralos aplausos das oito da tarde

 

Hai unha rutina, case un ritual, que se repite cada día ás oito da tarde dende que comezou o confinamento o 14 de marzo: os veciños aplaudindo dende as fiestras e balcóns en homenaxe a todo aquel que loita contra o coronavirus (sanitarios, forzas de seguridade,…). Pero nalgúns edificios esta cita vai máis aló, con sesións musicais que se prolongan durante máis de media hora.

É o caso dunha céntrica zona do Barco de Valdeorras. No patio no que conflúen un conxunto de edificios entre o paseo do Malecón, a rúa Pescadores e as Galerías Paylo, onde os veciños desfrutan cada día dunha sesión de música dende a fiestra.

 

 

Os artífices (neste caso os dj’s) son María e Sergio Caseiro Arias, dous xoves que viven no 4º A do número 5 na rúa Pescadores. Dende aí, cada día entre as 20:02 e as 20:40 horas, aproximadamente, soa a música a todo volume. Verdadeiros clásicos do panorama nacional como Libre de Nino Bravo, pero tamén cancións de discoteca como Saturday Night de Whigfield; temas tranquilos e tamén marchosos. “Intentamos que haxa un pouco de todo”, di María, explicando que comezaron como quen non quere a cousa, a poñer música tralos aplausos dende a fiestra da súa casa que dá á rúa Pescadores, “pero vimos que á xente lle gustaba e mesmo aplaudía e animaba así que decidimos seguir e despois duns quince minutos nesa zona, pasamos á parte de atrás do edificio onde pinchamos outros quince minutos, máis ou menos, para os veciños do patio”.

María conta que lles pareceu unha boa forma de pasar un rato entretidos neste confinamento e agora xa é “case un compromiso cos veciños”, que acompañan o ritmo da música coas lanternas dos móbiles, globos e mesmo luces de cores coma sen dunha sala de festas se tratara, iso si, de fiestra a fiestra. “É unha bonita forma de socializar cos veciños que case non coñeciamos”, comenta María, recoñecendo que o pasado domingo celebrou o seu aniversario con eles. “Quen mo ía dicir hai un par de meses?”, di, asegurando que esa é a parte boa desta terrible situación.

Fotos: Carlos G. Hervella

 

Artigos relacionados

Back to top button