SanidadeÚltima hora

Sete empresas optan á redacción do proxecto arquitectónico do Centro Integral de Saúde de Ourense

 

Un total de 7 empresas veñen de presentar ofertas para a redacción do proxecto de demolición, proxecto básico e de execución da construción do novo centro de saúde Novoa Santos en Ourense. Será o primeiro Centro Integral de Saúde (CIS) da provincia e a Xunta de Galicia investirá na obra arredor de 9 millóns de euros. O orzamento para a redacción do proxecto arquitectónico ronda os 350.000 euros.

Este novo CIS contempla a ampliación e integración de servizos, para mellorar a funcionalidade da atención sanitaria no centro urbano, “incorporando unidades de diagnóstico, con equipos e salas de ultrasóns e radiodiagnóstico; de saúde mental ou de rehabilitación, emprazando no mesmo espazo o Punto de Atención Continuada (PAC), o que permitirá deseñar circuítos asistenciais específicos adaptados, en clave de futuro, aos itinerarios clínicos necesarios. Ademais, a nova dispoñibilidade de espazo permitirá incorporar novos servizos como programas de rehabilitación integral: solo pélvico, enfermidades musculoesqueléticas e rehabilitación cardíaca, ademais de ampliar a dotación de recursos, estruturais, diagnósticos e humanos”, segundo informa a Consellería de Sanidade.

No referido ás súas instalacións, o CIS de Ourense disporá dunha área asistencial de atención clínica, con 33 consultas de medicina, enfermería, farmacia, odontoloxía e hixienista; 4 salas polivalentes e 4 salas de docencia; ademais das correspondentes salas de técnicas, de tomas de mostras e de espera de pacientes. Área de pediatría, con 4 consultas, médicas e de enfermería, cunha sala polivalente e unha sala de lactancia. A elo engádese a Área de atención á muller con 2 consultas. Ademais, seguirá incluíndo o Centro de Orientación Familiar (COF) con dúas consultas de obstetricia, unha consulta de enfermería e unha consulta de psicoloxía.

Do mesmo xeito, tamén contará con novas unidades, como a Área Integral de rehabilitación, cunha consulta de fisioterapia, un ximnasio con 6 cabinas de tratamento e unha sala de rehabilitación cardíaca; a Área de saúde mental, con 17 consultas: psiquiatría, enfermería, traballo social, psicoloxía e docencia; a Área de radiodiagnóstico, cunha nova sala, específica de diagnóstico por ultrasóns, de nova creación, e unha sala de ecografía, ademais dunha Área específica de Telemedicina, adianta Sanidade.

A creación deste Centro Integral de Saúde foi anunciada o pasado 2 de xullo polo presidente da Xunta de Galicia, dentro dun ambicioso proxecto de futuro para a sanidade pública ourensá, no que se contemplan investimentos por valor de 120 millóns de euros, tanto no eido hospitalario como no de primaria, e que xa tivo o seu primeiro cumprimento coa licitación nesa mesma xornada dunha obra de 52,6 millóns no CHUO destinados a un novo edificio de hospitalización e a reforma do hospital materno-infantil.

Artigos relacionados

Back to top button