DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Sete medallas para o Sincro Ourense no IV trofeo Concello de Oleiros de natación artística

O club ourensán subía ao máis alto do podio na categoría de base 4 infantil

Unha medalla de ouro, catro de prata, dous bronces e un cuarto posto. Son os resultados colleitados polo Club Sincro Ourense no IV trofeo Concello de Oleiros de natación artística celebrado a pasada fin de semana na piscina do INEF de Bastiagueiro (A Coruña), ao que o club ourensán acudía coas nadadoras de base.

Na categoría de base 1, os dous combos do Sincro Ourense finalizaron en segundo e terceiro lugar, sendo o ouro para o anfitrión Acuatic Oleiros. En base 2, as ourensás lograban outra medalla de prata, de novo por detrás do Acuatic Oleiros; e en base 3, repetiuse o podio da base 1: ouro para Acuatic Oleiros, e prata e bronce para o Sincro.

E con respecto á base 4, en infantil o club ourensán subía ao máis alto do podio co ouro en equipo libre, logrando asemade a prata en combo, mentres que en júnior quedaba ás portas do podio cun 4º posto despois de competir cunha nadadora menos por unha baixa de última hora.

Fotos: Club Sincro Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button