SanidadeÚltima hora

Sete novos equipos radiocirúrxicos para a Área sanitaria de Ourense

O Hospital Universitario de Ourense recibiu cinco novos equipos, un deles pararadiocirurxía vascular, e os hospitais de Verín e Valdeorras xa dispoñen dunequipo nos seus bloques cirúrxicos

 

A Área Sanitaria de Ourense ven de recibir sete novos equipos radiocirúrxicos que supoñen unha importante renovación dos equipos existentes nas áreas cirúrxicas dos tres hospitais da provincia e facilitará no caso do Hospital Universitario de Ourense a realización de novas técnicas de cirurxía vascular complexas.

A Xunta de Galicia recibiu neste mes un total de 37 equipos radiocirúrxicos que adquiriu trala licitación por importe de 4,3 millóns de euros que foi autorizada polo Consello da Xunta do pasado 4 de marzo e que resolveuse, coa formalización dos respectivos contratos, o pasado xuño.

Este novo equipamento achega á sanidade pública galega as últimas ferramentas de diagnóstico e tratamento coas doses máis baixas, o que supón unha mellora dos procedementos cirúrxicos cunha maior seguridade para os pacientes.

Concretamente o equipo instalado no Hospital Universitario de Ourense é un dos tres radiocirúrxicos vasculares adquiridos dentro do lote. Cun custe superior aos 200.000 € por unidade, estes equipos están destinados en exclusiva aos quirófanos de cirurxía vascular e permiten a realización de técnicas complexas como o tratamento endovascular de patoloxías que afectan as arterias, tanto oclusivas como aneurismáticas, cun sistema de redución da dose de radiación, un software que permite a utilización de CO2 como medio de contraste evitando así o dano do ril por mor dos contrastes iodados.

Este novo equipamento aporta unha alta calidade e o 3D na imaxe e permitirá a continuidade do Servizo de Cirurxía Vascular no tratamento da aorta complexa abdominal e torácica cuns estándares de calidade óptimos, implementando protocolos que diminúan os riscos de paraplexía co traballo conxunto co servizo de Neurofisioloxía coa aportación do control intraoperatorio dos potenciais evocados no paciente.

A posibilidade de tratamento endovascular dos aneurismas rotos (patoloxía mortal se non se trata e con mortalidades con cirurxía clásica en torno ao 70%) ofrece unha supervivencia destes pacientes que doutro xeito non sería posible, diminuíndo a mortalidade a índices do 15%. Ademais de ser unha ferramenta imprescindible para salvar vidas, tamén o será para o salvamento de extremidades en paciente con isquemia crítica e en pacientes diabéticos dende a atención multidisciplinar da Unidade do Pé Diabético (con especialistas de Traumatoloxía, Endocrinoloxía, Enfermedades Infecciosas e Cirurxía Vascular).

Xunto a este novo equipo do Hospital Universitario de Ourense, os outros dous radiocirúrxicos vasculares son para o Hospital Lucus Augusti de Lugo e o Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Os restantes 34 equipos radiocirúrxicos teñen un custo de máis de 90.000 € por unidade e permitirán renovar os equipamentos existentes nos bloques cirúrxicos para o seguimento e control en intervencións de cirurxía xeral, ortopedia, traumatoloxía, uroloxía, etc. Os aparellos adquiridos dispoñen de tecnoloxía que mellora a calidade da imaxe, e a capacidade de integración da imaxe e das doses impartidas.

 

 

Estes equipos repártense entre as sete áreas sanitarias. Na área ourensá corresponden sete equipos dos que cinco deles irán destinados ao Hospital Universitario de Ourense mentres que para o Hospital Público de Verín e o Hospital Público de Valdeorras irán destinados un para cada centro.

O equipamento obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.
60 millóns para equipamento sanitario

Continúa así a desenvolverse, coa adquisición destes equipamentos, o Plan de renovación e modernización do equipamento sanitario previsto para 2021, co que acometer as renovacións integrais dos bloques cirúrxicos e dos equipamentos de alta tecnoloxía para o diagnóstico. Para este plan, os orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia destinan, no presente ano, un orzamento de 60 millóns de euros.

Artigos relacionados

Back to top button