En portadaÚltima hora

Shakedown e tramo espectáculo na primeira xornada do Rallye de Ourense

A carreira, comezará mañá sábado 13 de xuño ás 9:10h. coa primeira pasada do tramo Canón do Sil

Uns tres quilómetros da estrada OU-0520 que une a poboación de Quintela de Canedo coa de Castro de Beiro, conformaron o shakedown co que arrancaba o 48 Rallye Ourense Termal. Entre as oito e media e as dez e media da mañá do venres 12 de xuño, moitos dos pilotos inscritos nesta edición do Rallye de Ourense (a quinta proba do campionato de España de rallyes) puxeron a proba os seus coches. O líder do campionato nacional, Miguel Fuster co Suzuki, o segundo clasificado e piloto revelación no nacional deste ano, Iván Ares co Porsche, Pedro Burgo con outro Porsche, Iago Silva co Peugeot 208 ou Ángela Vilariño co Opel Adam, pasaron unha e outra vez, medindo tempos, controlando rodas…

A seguinte parada para os pilotos sería Expourense onde, como cada edición dende hai uns anos, está instalado o parque pechado e onde moitos afeccionados aproveitaron para falar e fotografarse cos corredores. Alí tiña lugar asemade a rolda de prensa de presentación que contou coa presenza da directora adxunta de Expourense, Emma González; os pilotos Iván Ares da Coruña, Fran Cima de Asturias, Iago Silva de Ourense e Pedro Burgo de Lugo; o xefe de prensa do rallye, David Ferrer; e un representante da empresa Edox (tamén patrocinador do Rallye París-Dakar) que cedeu un reloxo valorado en 3.000 euros para o gañador desta edición do Rallye Ourense Termal que levará ademais a roda de afiar de ouro (prata para o segundo e bronce para o terceiro).

Unha vez efectuadas as verificacións técnicas en Ponte Vella, a proba deportiva por excelencia na cidade de Ourense arranca esta tarde ás 20:35h. co primeiro tramo, o de espectáculo, en San Cibrao das Viñas.

Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button