En portadaÚltima hora

Silvia Rodríguez: “Se a Festa das Covas de Vilamartín se mantén é, polo menos, nun 50% grazas ás coveiras”

A pregoeira da 24ª edición desta celebración rendía homenaxe ao labor das mulleres na vitivinicultura de onte e de hoxe

Publicidade

 

Ponse en marcha a XXIV Festa das Covas de Vilamartín. Neste 5 de agosto, véspera do seu día grande, encetábase o programa cunha dobre referencia. Por unha banda ás catro e media da tarde tiña lugar a xa habitual guerra das fontes e, arredor das nove da tarde, principiaba en Cerdeirais a chamada ruta “Pequena”, especialmente pensada para os coveiros.

Na súa apertura tiña o lugar o pregón desta festa que corría a cargo da corgomesa Silvia Rodríguez López, profesora da Universidade da Coruña, que lle rendía unha especial e cariñosa homenaxe a todas as mulleres que fan posible esta celebración, tendo en conta ademais que era a primeira muller en ser pregoeira. “Coveiros, coveiras, veciños e visitantes, alégrama poder dicir que este ano si que temos Festa das Covas”, dicía ao inicio da súa intervención, na que partía de “dous pauciños que son a base de todo, a puga e a estaca”, para logo facer un percorrido polo proceso de elaboración do viño. “Sen eles non teríamos inxertos, nin viños, nin covas, nin Vilamartín, nin Valdeorras porque deses dous pauciños viviu moita xente”

A pregoeira resaltaba tamén a que detrás dese proceso, dende a viña á cova, “hai un traballo enorme no cal as mulleres tiveron e teñen un papel fundamental, que non sempre lles foi recoñecido”. E o círculo “dese proceso non se pecha na cova, xa que nela tamén se gardan ao longo do ano eses dous pauciños coa temperatura correcta. As covas e eses dous pauciños están moi conectados”.

 

A pregoeira da Festa das Covas, Silvia Rodríguez López./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ademais aproveitaba o seu pregón para botarlle unha “bronca aos coveiros, que seguro que non a esperaban”, dicía xunto ao presidente da Asociación de Coveiros, Manuel Ferrer. “Esta edición abrirán 43 covas, das só unhas 7 teñen nome de muller”. E preguntábase porque eran tan poucas, cando eran as mulleres as que moitas veces ían preparar as covas, adornalas, colocar a comida, a bebida… e despois, ían limpalas. “Se esta festa se mantén é polo menos, nun 50% grazas ás coveiras”, dicía Silvia Rodríguez, que pedía un forte aplauso para elas.

Finalmente, a pregoeira destaba o valor desta festa, que exalta os viños de Valdeorras, “os mellores do mundo”, pero tamén pon en valor o “patrimonio etnográfico que temos, as nosas covas, que son algo único”.

 

 

Tras o pregón, dábase paso ás homenaxes. Por unha banda, recoñecíase o labor como coveiro de Andrés Fernández, e tamén a colaboración de Albertina González, traballadora xubilada do Concello de Vilamartín, “que sempre botaba unha man cos papeis da organización”.

A partir de aí, soaba a música, tanto dunha banda de gaitas tradicional como dun grupo de cantos de tabernas, e iniciábase esta Pequena, con percorridos polas covas para desfrutar de petiscos e viños. Será a antesala da Festa das Covas propiamente dita que dará comezo mañá a partir das 20:30h.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button