En portadaÚltima hora

Simbiose entre viño, historia e lousa, nas X Xornadas de Portas Abertas da Ruta do Viño de Valdeorras

Desenvolveranse entre o 8 e o 10 de outubro cun amplo e variado programa de actividades

Lousa e viño na fotografía de Javier Brasa foto “O ouro de Valdeorras”, premiada no III Concurso fotográfico da Ruta do Viño de Valdeorras.

 

En marcha os preparativos das X Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia en Valdeorras, do 8 ao 10 de outubro. A Asociación da Ruta do Viño de Valdeorras permitirá coñecer as diferentes adegas no “Bus do Viño” ou visitar as covas, o recurso máis singular desta denominación de orixe. Así mesmo viño e lousa daranse novamente a man e nesta ocasión, durante as xornadas será posible ddescubrir de primeira man como é a industria desta pedra natural visitando os bancos e naves de transformación.

“O visitante tamén gozará de diferentes catas, non só de viños, senón que tamén de estrelas, ou conservas. Nas rutas enoculturais experimentará a perfecta simbiose entre viño e historia. Os amantes da natureza poderán gozar dun paseo en bicicleta eléctrica polos viñedos. No túnel do viño poderá coñecer os viños de Valdeorras. Ademais, os participantes ofertarán diferentes propostas onde gozar a gastronomía nunha maridaxe perfecta con viños de Valdeorras especialmente seleccionados para cada prato, así como diferentes ofertas de aloxamento”, adiantan dende a Ruta do Viño de Valdeorras

Para levar a cabo estas xornadas, tanto desde a directiva da asociación, como por parte dos asociados á mesma, deseñouse unha gran oferta de actividades, poñendo atención aos protocolos anticovid, que serán o deleite de todas aquelas persoas que se animen a participar. O viño de Valdeorras, converterase na escusa perfecta para coñecer unha rexión que esconde moitos atractivos: “tradición, un gran patrimonio vitivinícola, natural e cultural e unha gastronomía que na época outonal resulta especialmente rica e diversa”, resaltan.

 

 

Bus do Viño

Unha das actividades estrela das xornadas de portas abertas é, o coñecido “Bus do Viño” porque permite visitar varias adegas na xornada e gozar da gastronomía sen ter que preocuparse do transporte.

En colaboración coas viñotecas: Vinissi en Lugo, VideVide espazo enocultural en Santiago de Compostela e O salgueral en Ponferrada (Bierzo) “deseñamos uns atractivos roteiros nas que o visitante sairá do punto de orixe no autobús acompañado dun guía, gozará de visitas a adegas e covas, catas, e terá a oportunidade de gozar da oferta gastronómica creada polos restaurantes participantes nas xornadas. No programa de actividades pódese consultar toda a información e os roteiros e horarios dispoñibles”.

As X Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño de Galicia están promovidsa pola Axencia de Turismo de Galicia en colaboración coa Asociación da Ruta do viño de Valdeorras e das outras 4 rutas do viño da comunidade. O principal obxectivo desta iniciativa é dar a coñecer a ampla oferta enoturística do distintos territorio a través de diferentes tipos de propostas.

Máis información:

Programa X Xornadas V

Artigos relacionados

Back to top button