CulturaCulturaÚltima hora

Simposio sobre “Camiños do Pensamento” no marco do programa O Teu Xacobeo

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participou na apertura deste congreso internacional que se celebra na Universidade de Santiago

 

A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, participaba na mañá do 7 de novembro na apertura do Simposio Internacional Camiños de Pensamento, unha iniciativa coordinada pola Sociedade Interuniversitaria de Filosofía, a Sociedade Galega de Estudios Nipóns, a Sociedade de Filosofía da Eurorregião Galiza Norte de Portugal e o Grupo Aletheia de Vigo que conta co apoio da Xunta de Galicia a través de O Teu Xacobeo, o programa do Goberno galego para fomentar a participación de toda a cidadanía na celebración do vindeiro Ano Santo.

Esta iniciativa conta coa participación de destacados expertos internacionais co obxectivo de “impulsar a tradición filosófica, reforzada hai 45 anos coa creación da Facultade de Filosofía e o nacemento de sociedades científicas de filosofía en Galicia, contribuíndo así a crear unha tradición que fixo seu o espírito de comunicación entre persoas e ideas tal e como simboliza o Camiño de Santiago”. A conferencia inaugural correu a cargo de Jeffrey Andrew Barash, profesor emérito do departamento de Filosofía da Universidade de Picardie (Amiens, Francia) que está a visitar a Universidade de Santiago de Compostela por primeira vez. Este especialista é, ademais, membro, entre outros centros de investigación, da Escola de Estudos Históricos do Instituto de Estudos Avanzados de Princeton.

Ademais, o encontro tamén acollerá o II Premio Sapientia, de carácter bienal, que este ano recaerá no profesor e filósofo de la Universidade do Minho (Braga) Acilio da Silva Estanqueiro Rocha, en recoñecemento ao seu labor en favor das relacións filosóficas entre Galicia e Portugal.

Durante a apertura do congreso, a comisaria do Xacobeo 21 destacou que a experiencia do Camiño “convida á reflexión, acción da que parte o pensamento filosófico”. “Hoxe a nosa comunicación é moi sinxela e rápida pero hai séculos o Camiño de Santiago constituía unha canle para que transitasen por el ideas filosóficas que hoxe constitúen a identidade europea”, engadiu Pereira.

Artigos relacionados

Back to top button