ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Simulacro de incendio na residencia da terceira idade de Trives

A coordinación do dispositivo estivo a cargo dos voluntarios da agrupación de Protección Civil deste municipio e nel participaban tamén a Garda Civil, a Policía Local, Ambulancias Sil e persoal do centro

En torno ás seis menos cuarto da tarde do martes 16 de outubro alertábase ao servizos de emerxencias dun incendio na sala de caldeiras do Centro da Terceira Idade de Pobra de Trives e a partir de aí comezaba a evacuación dos residentes (tanto válidos como dependentes) desta residencia, así como do seu persoal. Non era unha situación real, senón un simulacro, pero poñíase en marcha un operativo para dar resposta a esa emerxencia como se realmente estivese sucedendo. Simulouse tamén o rescate de dúas persoas, empregadas do centro, por inhalación de fume con evacuación a centro sanitario, segundo se informa dende Protección Civil da Pobra de Trives.

Este simulacro, que se realizaba a petición do propio centro da terceira idade trivés, activábase ás 17:42h. e deuse por rematado as 19:33h. do pasado martes. A coordinación do dispositivo estivo a cargo do persoal de Protección Civil de Trives en colaboración directa co resto de involucrados no simulacro. Nel participaron 10 voluntarios de Protección Civil de Trives, Garda Civil, Policía Local, Ambulancias Sil, persoal da propia residencia, un técnico de Quirón Prevención e un camión de Bombeiros operado por persoal propio de Protección Civil de Trives.

 

Un dos momentos do simulacro./ Foto cedida.

“A valoración foi moi positiva, e todo saíu perfecto, foi unha experiencia moi importante para o desenvolvemento das nosas funcións, tanto para o persoal do centro como para os servizos de emerxencia, pois tivemos ocasión de practicar a coordinación e eficacia dos efectivos e os medios dos que dispoñemos, a actuación e coordinación foi absoluta, e máis tendo en conta a falta de experiencias neste tipo de actuacións”, explican dende Protección Civil de Trives.

Ademais dende esta agrupación adiantan que “procuraremos realizar este tipo de simulacros periodicamente nos distintos edificios con afluencia importante de persoas, como por exemplo, Instituto e o Centro de Primaria, para que en caso de necesidade tódolos actores teñamos unha base e unha experiencia sobre as actuacións e protocolos a seguir en caso de Emerxencias Reais”.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button