En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Simulacro de rotura da presa do Bao, o 9 de maio

Este simulacro afectará a pequenas poboacións dos concellos de Manzaneda, Petín e O Bolo

A Xunta de Galicia coordinará mañá, 9 de maio, un simulacro de rotura na presa do Bao para ensaiar a posta en práctica do Plan especial de Protección Civil ante o risco de inundacións (Plan Inungal). Para o operativo contarase coa colaboración da Unidade Militar de Emerxencias, do titular da presa (Iberdrola), así como con todos os corpos e profesionais que participarían ante a posible rotura dunha presa.

“O obxectivo principal”, explican dende a Administración autonómica, “é poñer a proba a aplicación deste Plan e practicar a coordinación necesaria ante este tipo de emerxencias, nas que deben mobilizarse un gran número de efectivos de distintos organismos”.

Este simulacro consistirá en recrear unha situación de emerxencia por posible rotura dunha presa, que provocaría a activación do Plan en situación 2. Procederase á mobilización do Posto de Mando Avanzando, dos bombeiros da zona, os grupos de emerxencia, os membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, así como o 061, persoal de Protección Civil local e autonómico, Grupo de Intervención Psicolóxica en catástrofes e emerxencias (GIPCE) e Cruz Vermella.

Tamén se alertará aos alcaldes dos concellos afectados, que deberán activar o seu propio plan de actuación municipal e proceder a evacuar os lugares que poderían quedar anegados en caso de emerxencia real. O simulacro afectará a pequenas poboacións dos concellos de Manzaneda, Petín e O Bolo.

“Trátase, en definitiva, dunha aposta pola prevención como medio para garantir a seguridade dos cidadáns, e responder de xeito axeitado, eficiente e eficaz, no caso de riscos colectivos”, destacan dende a Xunta.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button