CulturaCulturaÚltima hora

Sinalizada a ruta e o Castro de Penadominga (Quiroga)

 

A ruta circular para acceder ao Castro de Penadominga, aproveitando un antigo camiño que unía Bendollo con Vilar de Mondelo, foi acondicionada este verán polo Campo de Traballo da Xunta de Galicia e a brigada de incendios e xa está sinalizada

“Con cargo ao Plan de Sostibilidade do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, colocáronse sinais de dirección de madeira desde Vilar de Mondelo e desde Bendollo, xa que se pode acceder dende os dous núcleos. Ademais con fondos Leader do GDR Ribeira Sacra-Courel, colocouse unha interpretación do xacemento na zona do castro de Penadominga”, segundo informa o Concello de Quiroga.

Esta ruta, que pode visitarse no perfil de Wikiloc do Concello de Quiroga, ten unha distancia de 5,74 km, de dificultade técnica moderada. Ademais de achegarse ata o xacemento castrexo permite gozar dunhas magníficas vistas do val do río Sil. Dende este traxecto pódense ver tres alvarizas, testemuñas dunha intensa labor apícola na zona.

Un lugar de gran interese arqueolóxico

O castro de Penadominga reafirmase como un dos lugares de maior interese arqueolóxico do municipio, segundo o arqueólogo Iván Álvarez Merayo, director dos traballos realizados polo campo de Traballo nestes anos. O antigo asentamento, posiblemente levantado entre os séculos IV e V, conta cun sistema defensivo formado por catro fosos.

O terreo foi escavado, aterrazado e recheo con terra e escombros a fin de acondicionar as superficies para asentar as construcións, algo que desapareceu xa que agora só queda a “croa” ou recinto central.

Os materiais e as técnicas construtivas do castro correspóndense cronoloxicamente, como remarca o arqueólogo, con algunhas pezas que están depositadas no Museo Provincial de Lugo desde a década de 1950 e que supostamente proceden deste xacemento.

Artigos relacionados

Back to top button