Galerías de fotosOurenseÚltima hora

(Vídeo) O Sistema Solar e a luz acompañaron aos Reis Magos en Ourense

O “Oriente Express” foi o encargado de traer á cidade ás súas maxestades, que percorreron todo o centro ata a Praza Maior, onde fixeron a ofrenda ao neno Xesús

Eran as seis da tarde cando as súas maxestades, Os Reis Magos de Oriente, fixeron a súa entrada na capital no “Oriente Express”, así o anunciaron por megafonía, que os deixou na Estación do Empalme. Centos de impacientes cativos agolpáronse nos andéns e no vestíbulo da estación para recibilos. Pero foi o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, o encargado de darlle a benvida ás súas máxicas maxestades. Unha batucada foi a encargada de acollelos na cidade das Burgas.

Tras saíres da estación entre a marabunta de xente e escoltados por un amplo dispositivo de seguridade, Os Reis Magos dirixíronse ás carrozas que tiñan preparadas. As súas maxestades estiveron acompañados por unha comitiva de máis de 250 persoas que encheron de ritmos e luz a capital. Entre eles estaban os Bombeiros de Ourense; os trens “chuchú” das termas, os planetas do Sistema Solar e diferentes grupos de baile. Á cabeceira, como marca a tradición, foi o carteiro real que, a través do seu séquito, foi recollendo as cartas dos cativos.

Luces, música en directo, bailes e caramelos foron os ingredientes principais deste desfile que agolpou aos cidadáns nas rúas de Ourense para darlles a benvida aos Reis Magos.

En canto ao percorrido, as súas maxestades saíron da Estación do Empalme e puxeron rumbo pola avenida das Caldas ata a Ponte Romana, emblema da cidade. Seguiron desfilando por toda a rúa do Progreso, enchendo de caramelos aos máis pequenos, para logo baixar por outro dos símbolos da capital: As Burgas. A comitiva rematou na Praza Maior, onde foron recibidos por membros da Corporación Municipal e por miles de persoas que se concentraron neste punto neurálxico de Ourense ao berro de “VIVA AOS REIS MAGOS!”

Unha vez baixaron das carrozas e saudaron a todos os nenos presentes neste lugar, fixeron a tradicional ofrenda de ouro, incenso e mirra ao neno Xesús, presente nun belén vivinte baixo os soportais da Casa do Concello.

Finalmente, Melchor, Gaspar e Baltasar dirixíronse ao balcón principal do Concello. Melchor tivo unhas palabras en referencia aos refuxiados: “No noso camiño a Ourense vimos como miles de refuxiados están agardando ás portas de Europa en campos, onde hai escaseza de alimentos, medicamentos, roupa e escolas”. Neste senso, a súa maxestade pediu aos nenos que sexan “máis solidarios na medida das vosas posibilidades”. Pola súa banda, tanto Gaspar como Baltasar foron máis breves, e aconsellaron aos rapaces de ser bos cos seus pais e avós, e remarcaron o calor e o agarimo con que os recibiron na cidade de Ourense.

A xornada concluíu cara ás nove e media da noite cun espectáculo pirotécnico nas marxes do río Miño.

Texto, fotos e vídeo: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button