A Consellería do Medio Rural vén de solicitar a declaración da Situación 2 na área de influencia do distrito forestal XI O Ribeiro-Arenteiro. Esta situación operativa de emerxencia decrétase pola proximidade dos lumes rexistrados nos concellos do Irixo, de Boborás e do Carballiño a diversos núcleos de poboación na contorna destes incendios.
O lume do Irixo, parroquia de San Cosmede de Cusanca iniciouse ás 12,30 h. deste mediodía e segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 240 hectáreas. No lugar levan traballado ata agora un total de 4 axentes, 17 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 7 avións e 11 helicópteros.
O lume de Boborás, parroquia de Astureses, comezou ás 17,30 h. e permanece tamén activo. No lugar están traballando 1 axente, 2 brigadas e 1 motobomba. O lume rexistrado no concello do Carballiño, parroquia de Longoseiros, iniciouse ás 15,51 h. desta tarde e permanece tamén activo arestora. No lugar están traballando 1 axente, 3 brigadas, 1 motobomba e 2 avións.