EconomíaEconomíaÚltima hora

O SLG pide á Xunta “un plan de choque” contra a seca

Ve “insuficientes” as achegas que fará á Xunta ás explotacións afectadas polas condicións climáticas adversas
Samuel Formoso, Isabel Vilalba, Bernardino Estévez. // Foto: Carlos Asensio.

A Xunta de Galicia vén de sacar públicas as axudas para paliar os danos da seca no rural galego. Unhas axudas que o Sindicato Labrego Galego cualificou na mañá de hoxe en Ourense, 3 de novembro, a través da súa Secretaria Xeral, Isabel Vilalba, como “unha decepción”. Vilalba asegurou que estas axudas “financian bebedeiros pero non hai auga para enchelos”. Asemade, dixo que “a pesares de que eses posibles beneficiarios as obteñan, parécenos algo anecdótico”.

A Secretaria Xeral asegurou que este ano para os colleiteiros foi “catastrófico” e asegurou que financiar os bebedeiros para o gando “é algo insuficiente”. Vilalba reiterou que “isto é unha falta de perspectiva da administración para co rural galego” e argumentou que a solución para as consecuencias da seca na área rural ourensá “é un plan de choque” xa que aseverou que o que aconteceu este ano “foi unha sangría constante de perdas de cultivos”.

Nese “plan de choque”, dende o Sindicato Labrego Galego aseguran que o que as medidas que as administracións, en concreto a Xunta, deben de tomar para “esta cadea de crises por motivos climáticos” son as axudas para a compra de forraxes “para o gando, do mesmo xeito que se fixo coas axudas ás granxas danadas polos lumes, sería aplicar o mesmo á seca”, dixo Vilalba . Tamén axudas para repoñer as cepas “nos viñedos que morreron ou están estragados pola seca, xeadas ou saraiba”.

No eido das axudas directas, segundo Isabel Vilalba, deberían concederse “a aquelas explotacións que sufriron importantes perdas na súa produción e, polo tanto, viron reducidos os seus ingresos. Sen saíres das axudas, a Secretaria Xeral referiuse ás da PAC (Política Agraria Común) e demandou un adianto “para garantir a liquidez das granxas con dereito ás mesmas “.

Na parte da carga impositiva, dende o Sindicato Labrego Galego recalcan que debería de haber unha condonación das cotas da Seguridade Social “mentres as explotacións non ingresen o suficiente”, así como a redución o exención de impostos como o IBI ás explotacións que estean afectadas até que non volvan a ter ingresos suficientes como para asumilos.

Na convocatoria de hoxe tamén contaron coa presenza de dous labregos afectados por estas condicións climatolóxicas. Bernardo Estévez, viticultor que ten unha pequena adega no Ribeiro e responsábel do Sector do Viño na organización agraria; e Samuel Formoso, gandeiro da parroquia de Gomareite (Vilar de Barrio) que cría vacas de carne co selo de Tenreira Galega Suprema. Ambos os dous contaron a “dramática situación” que está a vivir o rural galego e “o abandono das administracións que fan que estea despoboado”.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button