Entrevistas

“Só asociándose se pode competir”

Sol Vázquez, directora xeral de Comercio, sinala que o futuro pasa polo emprendemento, a innovación e as ventas on line
Foto: Carlos G. Hervella
Foto: Carlos G. Hervella

Moderno, competitivo, equilibrado, capaz de afrontar as novas realidades e de traspasar os anos. Son os adxectivos que a directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal (Ferrol, 1976) utiliza para describir o modelo cara o que debe camiñar o pequeno comercio galego. Logralo será o seu reto, conxuntamente co crecemento, “porque o sector vén de pasar por un momento complicado e hai que buscar que o tecido comercial se rexenere e tome forza”, asegura. Vén de cumprir dez meses no cargo, pero coñece polo míudo o sector. Non en van, de abril de 2006 a xullo de 2009 exercía como xefa de servizo de ordenación na Dirección Xeral de Comercio. De seguido foi subdirectora xeral de Comercio ata o 31 de xaneiro do 2013, data na que era nomeada directora xeral.

¿Por que é importante o comercio en Galicia?
É clave na economía porque unha de cada catro empresas galegas activas pertence ao sector comercial, supoñen o 13% do PIB e xeran máis de 110.000 postos de traballo. Estes datos por si sos revelan o importante que é este sector, no que ademais se concentra moitísimo emprego feminino, e que está moi vencellado aos negocios de carácter familiar. O comercio cumpre asemade outras funcións máis sociais como mellorar a imaxe das nosas vilas e cidades, o abastecemento das zonas rurais no caso do comercio comarcal…

¿A súa distribución no territorio galego é equilibrada?
É certo que hai unha preponderancia, sobre todo dos grandes formatos, a situarse preto das grandes cidades. Pero, fóra diso, temos unha peculiaridade fronte a outras comunidades autónomas que é o equilibrio comercial baseado na estrutura comarcal porque Galicia é un territorio coa poboación dispersa.

¿Como é a radiografía comercial da provincia de Ourense?
Está na media das outras provincias. Loxicamente non posúe ese comercio urbán de cidades como Vigo ou Coruña, pero si ten un moi bo comercio. E hai que recoñecer que a cidade de Ourense conta cunha gran tradición comercial, cunha traxectoria e cun relevo xeracional moi importante, ademais de cun comercio de calidade. E xunto a Ourense, están as cabeceiras de comarca: Verín, O Carballiño, O Barco, Ribadavia, Xinzo de Limia… Actúan como núcleos dun comercio tamén de calidade e moi dinámico e así o revela o feito de que na provincia haxa sete centros comerciais abertos (CCA) con accións con repercusión fóra da súa comarca e da súa provincia. Nos últimos anos, por exemplo, actividades do CCA do Barco, como o seu desfile de moda, chegaron a ouvidos de xente de Coruña ou Ferrol pola súa calidade e dinamismo. Isto revela que estas cabeceiras de comarca non só cumpren a súa función, senón que teñen un comercio dinámico, activo e que fai actividades que atraen aos clientes da súa comarca.

Texto: Ángeles Rodríguez/ Santiago Foto: Carlos G. Hervella
(A entrevista íntegra pode lerse na edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close