CulturaCulturaÚltima hora

Sober acolle mañá a presentación da obra “A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia”

Este acto está incluído no programa de actividades do "Mes do Amandi"

 

O Concello de Sober programa para mañá unha conferencia-cata audiovisual a cargo de Xavier Castro con motivo do Mes do Amandi. Presentarase a obra “A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia». Este libro está moi vencellado, e en certo modo complementa, o de “A la sombra ejemplar de los parrales. Cultura del vino en Galicia y otros espacios peninsulares (NigraTrea, 2006).  “A rosa do viño», título desta obra, inspírase no procedemento popular empregado para apreciar a calidade do viño, reparando nomeadamente na súa densidade, no corpo que posuía. Tíñase en mellor estima o tinto de acendrado espesor (“que críe sangue”), que era o que deixaba uns trazos vermellos que, ó descender polas paredes da cunca, formaban os pétalos dunha flor, a rosa do viño.

Este libro constitúe un achegamento á historia cultural do viño en Galicia, e artéllase como un traballo de investigación histórica que emprega fontes primarias, en boa parte inéditas, e recorre tamén a bibliografía primordial. Pretende, deste xeito, aterse ao rigor histórico pero procura asemade relatar unha faceta relevante da experiencia colectiva dos galegos dun modo que sexa interesante á par que resulte tamén de grata lectura.

O volume incorpora dun xeito novidoso a tradición enogastronómica galega dos nosos clásicos (nomeadamente Pardo Bazán, Julio Camba, Picadillo, Cunqueiro e Castroviejo) e as achegas dos tratadistas modernos, ao que se engade a sensibilidade popular en todo o que concirne á cultura do viño, tal e como quedou reflectida en textos de moi variada índole e, como non, tamén na memoria viva. Non se relega tampouco a tradición literaria: Valle-Inclán (cuxa actitide respecto do viño se estudia de xeito particular), Ramón Cabanillas, Otero Pedrayo, Castelao e a literatura costumista.

Detense na consideración do tradicional gusto popular e no protocolo da bebida fronte á cata experta. Constátase a realidade dun ethos étnico, patente no modo enxebre de beber os galegos, e examínanse tanto as as boas maneiras como os usos populares, analizando o tránsito da bebida comunitaria (beber por quenda empregando un mesmo recipiente) á unha concepción individualista no xeito de beber. Alúdese asemade aos recipientes (pichel, xerro, cunca, vaso e copa) e as expresións características que se adoitaban empregar nesta práctica social.

Nesta conferencia coméntaranse tamén cuestións relativas a historia de xénero, posto que as mulleres padeceron unha certa marxinación en relación co consumo do viño, e o eido das mentalidades, nomeadamente no que se refire aos cambios na apreciación das diferentes clases de viño. Ao cabo, convén apuntar a importancia do viño na vida da xente ao longo dos tempos, xa que carecer del dificultaba o goce dunha certa calidade de vida. Velaí a significación da viticultura heroica na Ribeira Sacra.

Esta obra que se presentará neste evento, “A rosa do viño. Cultura do viño en Galicia», obtivo o Premio Deza de investigación e tamén o galardón: Gourmand World Cookbook Awards 2010, en la categoría Best Wine History Book.

Artigos relacionados

Back to top button