ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Sober acomete melloras nunha trintena de viais do rural

As obras contan cun presuposto duns 200.000 euros e céntranse no bacheo xeral e no desbroce dos arredores

O Concello de Sober aproveita o verán para realizar obras de mellora nunha trintena de estradas de titularidade municipal. As actuacións, que inclúen un bacheo xeral e o desbroce das zonas, contan cun presuposto de máis de 200.000 euros.

O alcalde, Luis Fernández Guitián, explica nesta liña que o plan de rexeneración de camiños do rural “é unha mostra indiscutible da aposta do goberno local polo rural e pola mellora da calidade de vida dos seus veciños”.

Dentro dunha primeira partida de 117.000 euros -97.000 procedentes do Agader e 20.000 das arcas municipais-, están incluídos os accesos a Sistindomato dende a estrada de Monforte, ao Campo de Pinol dende a estrada de Doade e a Igrexa de Neiras dende a estrada de A Gándara, as tres obras con aglomerado en quente.

Tamén con cargo ao Plan Marco faranse os accesos en O Cadabal (Doade), os accesos a Castroseiros e A Devesa (en Neiras), tamén As Forcadas e O Lameiro (en Amandi), a Cima de Vila e O Barrio (en Figueiroá) e a Rivas (en Rosende).

No marco do Plan de Obras e Servizos (POS) que financia a Deputación de Lugo e o Concello de Sober tamén está previsto rexenerar os accesos a O Vidual (en Doade), Pino de Abaixo en Pinol, A Somoza (Santiorxo), A Lama de Liñarán, Mourentán (en Doade) e Paradela (en Santiorxo). Estes traballos correspondentes ao POS están presupostados en 40.000 euros.

A maiores, con cargo ás arcas municipais e cun presuposto de 50.000 euros, tamén se realizarán traballos en As Laxes (Proendos), Sante de Abaixo (Bulso), Casanova (Bolmente), Prados (Figueiroá), Vilastrille de Abaixo (Proendos), O Campo de Bulso, Naz de Abaixo (Rosende), A Barca (Anllo), así como no Camiño Novo da Panadería en Canabal, entre outros.

Fotos cedidas polo Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button