ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Sober celebra Santa Cecilia

Actividades no colexio e diversas actuacións durante a fin de semana para honrar á patroa dos músicos

Con diferentes actos festexarán en Sober a data de Santa Cecilia. Os máis pequenos xa se adiantaban o 20 de novembro, día no que o CEIP Virxe do Carme acollía un concerto didáctico na honra da patroa dos músicos. Desta volta escollouse música tradicional, gaita e percusión: bombo, pandeiro, pandeireta, culleres e tamboril. Dende o colexio agradecíase a visita desinteresada dos catro compoñentes da Banda Municipal de Gaitas de Monforte.

O programa de actos proseguirá na fin de semana. Así o sábado 21 de novembro a celebración comezará cunha actuación da Banda Xuvenil da Escola ás 11:00 horas no Centro Sociocultural. Posteriormente será a quenda do coro da Escola e ás 11:30 horas será o da xincana musical. Ás 13:30 horas haberá un xantar para todos os participantes.

Ademais o 22 de novembro oficiarase unha misa ás 11:30 horas na Igrexa Nova de Sober na honra dos músicos e músicas falecidos e xa ás 19:00 horas no Centro Sociocultural terá lugar un concerto do quinteto DACAP, organizado polo Concello de Sober e polas Xuventudes Musicais da localidade. “Os cinco músicos interpretarán Vientos del este, unha viaxe espazo-temporal da visión que os diferentes compositores teñen da súa terra plasmada na partitura. As paradas do grupo serán en Hungría, Lituania e Rusia a través de diferentes compositores”, segundo se adianta dende o Concello de Sober.

Fotos: Concello de Sober

Artigos relacionados

Back to top button