EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Sober convoca o concurso para elixir o cartel anunciador da XXXIX Feira do Viño de Amandi

Os traballos orixinais poderán presentarse ata o 22 de febreiro e o ganador recibirá un premio de 600 euros
Imaxe da pasada edición da Feira do Viño de Amandi./ Foto: Carlos G. Hervella.

O Concello de Sober vén de convocar o seu tradicional concurso de deseño gráfico para elixir o cartel anunciador da XXXIX Feira do Viño de Amandi, que se celebrará os días 13 e 14 de abril de 2019, de acordo con estas bases que vén de facer públicas a través da súa web e das redes sociais. Nelas tamén se establece un premio de 600 euros.

Trátase dun certame aberto a toda a poboación poboación, que poderá presentar traballos en formato A3 e técnica libre. Deberán ser presentados en soporte ríxido para facilitar a súa exposición. E só se pode presentar un cartel por autor ou autora. “Quedan exentas, tal e como se ten acordado, aquelas persoas que teñan recibido o premio cando menos en dúas ocasións para permitir así o acceso a novos creadores”, matízase dende o Concllo.

A temática

Os deseños deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi “facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura”, segundo as bases. Esas obras quedarán en poder do Concello de Sober. O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XXXIX Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man. Os restantes carteis presentados poderán ser expostos se o Concello así o considera.

As persoas interesadas en participar terán que presentar o seu traballo nun sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha forma de identificación. Outro sobre levará escrito o lema e no seu interior deberá conter os datos do autor, tales como o nome, o enderezo e o teléfono de contacto. O cartel terá que levar de xeito obrigatorio os seguintes compoñentes: XXXIX Feira do viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober. A páxina web www.concellodesober.com e a data de celebración, 13 e 14 de abril.

A entrega de orixinais farase na Casa do Concello dende a data de convocatoria destas bases, o 7 de xaneiro, ata o día 22 de febreiro de 2019. O horario de entrega será de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden ser enviados por correo postal ao Concello de Sober.

Xurado e premio

O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria. Estará formado por persoas cualificadas na materia, reservándose a facultade de declarar deserto o premio no caso de que estimase que ningún dos traballos reúne os méritos suficientes. Establécese un premio ao traballo gañador valorado en 600 euros.

 

Artigos relacionados

Back to top button