ConcellosSoberÚltima hora

Sober convoca o concurso para elixir o cartel da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi

Os traballos poden presentarse ata o vindeiro 15 de febreiro. Inicialmente está previsto que esta mostra se celebre do 27 ao 28 de marzo, segundo adianta o Concello

Imaxe do cartel da edición do 2020 desta mostra.

 

O goberno local do Concello de Sober convoca o seu tradicional concurso de deseño gráfico coa fin de elixir o cartel anunciador da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi, que inicialmente debe celebrarse o 27 e 28 de marzo coincidindo co domingo de Ramos. A data definitiva dependerá da evolución da pandemia e será consensuada cos adegueiros que participen.

O certame rexerase por estas bases que o goberno local vén de facer públicas a través da súa web e das redes sociais. Poderá concorrer toda a poboación, con traballos en formato A3 e técnica libre. Deberán ser presentados en soporte ríxido para facilitar a súa exposición. Só se pode presentar un cartel por autor ou autora.

Quedan exentas, tal e como se ten acordado, aquelas persoas que teñan recibido o premio cando menos en dúas ocasións para permitir así o acceso a novos creadores.

Os deseños deben reflectir o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no noso patrimonio e cultura.

Os traballos presentados quedarán en poder do Concello de Sober. O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi, así como nos programas de man e outro material promocional. Os restantes carteis presentados poderán ser expostos se o Concello así o considera.

O cartel gañador será propiedade do Concello de Sober, quen poderá cedelo a terceiros. O autor renuncia a todos os dereitos de explotación, só conservarán os dereitos de autor para incluílo no seu currículo, tal e como se recolle nas bases.

Como participar

Os traballos deberán ser presentados nun sobre pechado co lema do cartel, sen ningunha forma de identificación. Noutro sobre levará escrito o lema e no seu interior deberá conter os datos do autor, tales como o nome, o enderezo e o teléfono de contacto. O cartel terá que levar de xeito obrigatorio os seguintes datos: XLI Feira-Mostra do Viño de Amandi. Festa de Interese Turístico. Sober. A páxina web www.concellodesober.com e a data de celebración, 27 e 28 de marzo.

A entrega de orixinais farase na Casa do Concello dende o 8 de xaneiro ata o día 15 de febreiro de 2021. O horario de entrega será de 10:00 a 14:00 horas. Tamén poden ser enviados por correo postal ao Concello de Sober.

Xurado e premio

O xurado emitirá o seu fallo 10 días despois do peche da convocatoria e o cartel darase a coñecer o 27 de febreiro. “O xurado estará formado por persoas cualificadas na materia, reservándose a facultade de declarar deserto o premio no caso de que estimase que ningún dos traballos reúne os méritos suficientes. Establécese un premio ao traballo gañador de 600 euros en metálico e unha peza de Gundivós personalizada”, segundo establecen as bases.

Os participantes someteranse á decisión do xurado, que resolverá sobre calquera dúbida non prevista nas presentes bases. No caso de facerse unha entrega pública ao gañador ou gañadora este comprométese a recoller persoalmente o premio ou facerse representar debidamente no acto.

O gañador entregará unha copia do cartel en formato dixital que permita o seu proceso informático e inserirá os logotipos das entidades patrocinadoras facilitadas polo Concello de Sober para a súa publicación, así como os logos das redes socias institucionais. O simple feito de presentación ao concurso supón a aceptación plena destas bases.

Artigos relacionados

Back to top button