OurenseÚltima hora

Sober e Vilamarín, entre os concellos nos que a Axencia Tributaria de Galicia rebaixa os coeficientes para a autoliquidación de impostos

Concello de Sober./ Foto cedida.

 

Sober e Vilamarín son dous dos seis concellos galegos nos que a Axencia Tributaria de Galicia (ATRIGA) rebaixa os coeficientes que se usan na autoliquidación dos impostos de transmisións patrimoniais e sucesións e doazóns, para compensar a revisión á alza dos seus relatorios catastrais que se produciu en 2019, tal como recolle a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2020/20200408/AnuncioG0248-090320-0001_gl.pdf.

A través desta resolución, “procédese a modificar á baixa o coeficiente para aplicar en seis concellos galegos (Camariñas, Laxe, Pontedeume, Sada, Sober e Vilamarín) nos que se procedeu a unha revisión de relatorio catastral con efectos 2020. Con esta modificación, compénsase a variación á alza na base de aplicación do coeficiente como consecuencia da revisión do relatorio, de modo que o coeficiente axústase aos novos valores de mercado e as cotas resultantes non varían respecto ao exercicio precedente”, segundo informa a Xunta de Galicia.

No que se refire ao resto de concellos, a Dirección Xeral do Catastro do Ministerio de Facenda aplica a actualización que se prevé na correspondente lei de orzamentos, que para 2020 é de valor 1 (mantéñense os valores catastrais do anterior exercicio), polo que non houbo novo cálculo e mantéñense os coeficientes vixentes ata agora.

En todo caso, a Xunta de Galicia lembra que se suspenderon “os prazos para a presentación das autoliquidacións dos impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados; de sucesións e doazóns e os tributos do xogo, de xeito que todas as autoliquidacións destes tres impostos cuxo prazo venceu a partir da declaración do estado de alarma o pasado 14 de marzo, ou vai vencer mentres dure esta situación excepcional, poderán ser presentadas ata o 30 de xuño de 2020, ou ata un mes despois da finalización do estado de alarma”.

Non obstante, os contribuíntes que así o prefiran poden presentar as autoliquidacións de xeito telemático a través da Oficina Virtual da ATRIGA.

 

Artigos relacionados

Back to top button