Galerías de fotosÚltima hora

Sober elimina mimosas en tres áreas de Rede Natura no municipio

A actuación repetirase o próximo ano para extinguir por completo a planta, segundo se adianta dende o Concello

O Concello de Sober vén de levar a cabo unha serie de actuacións encamiñadas á eliminación de especies exóticas invasoras e á restauración da vexetación característica dentro deste espazo. Os traballos leváronse a cabo ante a propagación de especies exóticas invasoras, especialmente Acacia dealbata (mimosa), que están poñendo en perigo hábitats de interese comunitarios.

As zonas de actuación enmárcanse dentro da zona de protección da ZEC (Zona de Especial Conservación) Canón do Sil ES1120014, e a súa área de influencia, ocupando unha superficie total de preto de 3 hectáreas. Elimináronse estas especies en Areas, Os Chancís e A Barca (zonas de Rede Natura). “As áreas de actuación foron seleccionadas por tratarse de superficies onde a invasión desta especie exótica é incipiente e atópase nunha fase na que é viable acometer o seu control ou erradicación mediante unha actuación temperá. Na maioría dos casos estas superficies de actuación son lindeiras cos viais de accesos a núcleos habitados, dende onde se está expandindo polas leiras lindeiras. Na actualidade a especie ocupa parcialmente antigos viñedos e masas arborizadas con vexetación autóctona”, explican dende o Concello de Sober.

O goberno local conta cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente de 9.000 euros por anualidade e os traballos son executados pola empresa especializada FORESGA. As actuacións realizadas eran traballos de control/erradicación de acacia dealbata e neles combináronse técnicas mecánicas (roza/corte) e químicas (aplicación fitocida) como método para o control/erradicación desta especie invasora.

Os restos vexetais derivados destas operacións, dado que non teñen capacidade rexeneradora, foron apilados e aproveitados polos propios veciños para leñas, ou picados “in situ” para a súa incorporación ao chan como materia orgánica.

Realizado este primeiro tratamento, levarase a cabo un seguimento periódico da superficie, monitorizando a evolución da masa e controlando a aparición de novos exemplares ou de rebrote na zona tratada. Este seguimento permitirá ademais axustar a programación do tratamento complementario en función da densidade e época do rebrote.

Fotos: Concello de Sober.

Artigos relacionados

Back to top button