ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

Sober estrea aula informática e multimedia

Nestas instalacións impartirá formación e desenvolverá diferentes actividades lúdicas pensadas tanto para adultos como para nenos

Cun obradoiro para nenos e nenas de máis de sete anos sobre ‘Scratch’ estrearase na tarde do 2 de xaneiro a nova aula de informática e unha multimedia do Concello de Sober. Nela impartirase formación e desenvolverá diferentes actividades lúdicas pensadas tanto para adultos como para os cativos.

A aula de informática, emprazada no Centro Sociocultural, dispón de dez postos para alumnos, un equipo para o docente, impresora e proxector. Está previsto desenvolver obradoiros de informática para nenos todos os venres a partir das 16:30 horas. As actividades, de carácter gratuíto, estarán relacionadas coa tecnoloxía e informática, segundo se informa dende o Concello de Sober.

Ademais estase traballando para que os rapaces xestionen eles mesmos un blog, que irán actualizando coas actividades que realicen nos obradoiros. Tamén está previsto que se impartan cursos de formación para adultos (informática básica, Internet, redes sociais, smartphone, etc…), así como faladoiros tecnolóxicos tanto para nenos como para adultos.

A Aula Multimedia está equipada con 2 televisores, un de eles integrado con un sistema de teatro na casa e dúas consolas de videoxogos. As actividades programadas teñen que ver coa visualización de documentais, películas, así como xornadas de cine e xogo para nenos e nenas, segundo a información facilitada polo Concello de Sober.

O seu alcalde, Luis Fernández Guitián, explica que a intención é que dende esta administración local “poidamos participar como Aliados Dixitais no Plan de Inclusión Dixital de Galicia deseñado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA)”. Así, o Goberno local está levando a cabo os trámites necesarios para establecer estas liñas de colaboración entre o Concello e AMTEGA de forma que se poidan realizar actividades de formación, actividades de difusión e sensibilización coas novas tecnoloxías, entre outras.

O que se pretende con esta adhesión como Aliado Dixital é, segundo precisa o rexedor “a mellora dixital a nivel local para proporcionar á cidadanía as aptitudes dixitais que lles permitan facer pleno uso das tecnoloxías para aumentar a súa empregabilidade e favorecer a súa inserción social”.

O horario da aula de informática e da multimedia será de martes a venres de 10:00 a 13:00 horas polas mañás. Polas tardes, martes e mércores de 16:00 a 19:00 horas e os venres de 16:00 a 18:00 horas.

Artigos relacionados

Back to top button