En portadaÚltima hora

Sober lidera un proxecto transfronteirizo para pór en valor os recursos forestais

A iniciativa opta a fondos europeos e nela participan un total de nove socios de España e Portugal
Sober conta cunha superficie de 133km2, dos que entre o 60 e o 65% é masa forestal.
Sober conta cunha superficie de 133km2, dos que entre o 60 e o 65% é masa forestal.

Conservación e protección dos rescursos forestais, pero tamén a súa posta en valor incindindo no mundo local. Son os piares do proxecto transfronteirizo no que participan nove socios españois e lusos e que lidera o Concello de Sober. A idea, que vén de ser presentada para acadar fondos europeos ao INTERREG V (POPTEC), é conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos para o que se deseñará un sistema de apoio á xestión forestal a nivel municipal.

“As aplicacións prácticas que se van a desenvolver teñen entre as súas finalidades a loita contra o cambio climático, a prevención e xestión dos riscos relacionados co clima, como a erosión, os incendios, as inundacións, as tormentas ou secas”, segundo se adianta dende o Concello de Sober. Trátase de lograr que o 100% do recurso forestal das zonas implicadas se poña en valor da forma que previamente se decida por parte dos axentes afectados: concellos, empresas, propiedades de montes, etc. Prevese que antes do verán confirmarase se o proxecto consigue a contía solicitada, preto de 1,5 millóns de euros.

Xunto co municipio lucense de Sober, forman parte deste proxecto ADRAT (Associação de Desenvolvimento da Região do Alto Tâmega), o Concello de Cualedro (Ourense), o municipio de Barcelos, a Deputación de Ávila, a PEFC (Asociación España de Sostenibilidad Forestal), a Agência Regional de Energia e Ambiente do Médio Tejo, ASEMFO (Asociación Nacional de Empresas Forestales) e o Grupo de Investigación Valoración Financeira Aplicada da USC.

“En concreto, desenvolverase e implementarase unha infraestrutura de apoio e dinamización para a posta en valor do recurso forestal a escala municipal, creando unha rede de municipios transfronteiriza que permita optimizar a xestión do recurso forestal mediante a realización de proxectos conxuntos no ámbito do aproveitamento forestal, mellora da biodiversidade, protección do medio.

A iniciativa pretende ademais xerar emprego e riqueza nas zonas de implantación”, destácase dende o Concello de Sober. Asemade o seu alcalde, Luis Fernández Guitián, explica a importancia de formar parte, como líder ademais, dun proxecto que contribuirá a que o territorio que se atopa abandonado se poida ver dinamizado e posto en valor. “Imos tratar de maximizar o recurso forestal dinamizando aos axentes do sector para combater o abandono e a baixa produtividade”, asegura.

Artigos relacionados

Back to top button