ConcellosEconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Sober, mergullado no “Mes do Amandi”

O programa de actos concluirá coa celebración da súa XXV Feira do Viño, cuxo pregoeiro será Enrique Cerezo
Presentación dos actos do "Mes do Amandi", no miradoiro de Santiorxo, en Sober.
Presentación dos actos do “Mes do Amandi”, no miradoiro de Santiorxo, en Sober.

Arranca o “Mes de Amandi” en Sober. Nel despregarase un amplo e variado programa centrado no mundo vitivinícola que culminará coa XXXV Feira do Viño de Amandi. Este abano de actos, xunto co cartaz da mostra (obra de Andrea Rodríguez), presentábanse no mediodía do 28 de febreiro no miradoiro de Santiorxo. Neste acto, o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, agradecía o labor dos colleiteiros ao longo de todo o ano nas adegas e nas viñas para pór no mercado un produto “excepcional, que cada vez é demandado en máis países. A internacionalización do viño de Amandi en particular, e do da Ribeira Sacra en xeral, é imparable”. Ao seu carón estaban os adegueiros participantes na feira, ademais de membros da Corporación, entre outras autoridades.

O programa do Mes Amandi encetábase coa participación de Sober en Xantar (4-8 de marzo en Expourense), o 8 de marzo haberá unha degustación de viños de Amandi con galo de curral de Vila de Cruces. Xa o 6 de marzo realizarase unha visita infantil a unha adega e, logo, un concerto de arpa (14 de marzo), a xornada técnica “Claves para vender máis e mellor o viño. Marketing do viño” (18 de marzo) e unha xornada de maridaxe de viño desta zona con merluza do pincho de Celeiro (o 25 de marzo), entre outros actos.

E así chegarase ata a XXXV Feira do Viño de Amandi, que se desenvolverá os días 28 e 29 de marzo e na que poderán degustarse os viños de 22 adegas. Neste ano o convidado de honra será o concello ourensán de A Teixeira e o pregón do evento (día 29 ás 13:00 h.) correrá a cargo de Enrique Cerezo (Madrid, 1948), presidente do Atlético de Madrid e destacado produtor de cine.

“É un personaxe destacado e coñecido e o noso obxectivo é que os pregoeiros que veñan a Sober poidan difundir todos os nosos tesouros e cremos que Cerezo pode levar o noso nome e o do noso viño polo mundo enteiro”, asegura o rexedor soberino.

A apertura oficial do certame (ás 12h. do día 28) correrá a cargo da Adega Malcavada en lembranza do seu fundador, Antonio Vázquez. No marco da mostra haberá diversas actuacións (da Banda de Música de Sober, Os Festicultores, Madialeva ou a Charanga NBA), ademais da cata oficial. Ao mesmo tempo, o Centro Sociocultural de Sober acollerá ata o 15 de abril unha exposición cos cartaces que participaron no concurso do que saíu a imaxe anunciadora desta edición da feira.

Por outra banda, o Concello de Sober facía público o 6 de marzo o nome da ganadora do do I Certame de Debuxo Infantil da XXXV Feira do Viño de Amandi. Trátase de Lisbeth Sánchez Díaz, que presentou un traballo sobre “O cultivo da vide na Ribeira Sacra”. O Concello de Sober empregará a imaxe para imprimir 10.000 adhesivos que entregará a fin de semana da Feira. Esta rapaza ten 11 anos, é de Soutonovo, Anllo Santo Estevo, e estuda no CEIP Virxe do Carme de Sober.

Traballo ganador do Certame de debuxo infantil da Feira do Viño de Sober.
Traballo ganador do Certame de debuxo infantil da Feira do Viño de Sober.

En total participaron no certame máis de 30 nenos e nenas do CEIP Virxe do Carme de Sober e 8 nenos e nenas do CEIP Monte Valiño de Pantón. O Concurso estaba aberto para todos os centros educativos da Comarca de Lemos.

Texto: Ángeles Rodríguez

Artigos relacionados

Back to top button