ConcellosÚltima hora

Sober pide unha axuda europea para dotar de WIFI diferentes zonas de afluencia turística

A concesión deste proxecto permitiría crear unha rede de puntos de acceso gratuítos e de alta velocidade a Internet en diferentes lugares públicos do municipio

Publicidade

 

O Concello de Sober vén de solicitar o programa europeo WIFI4EU destinados aos municipios pequenos para dotar de WIFI gratuíta diferentes zonas de afluencia turística. Esta axuda, que pode chegar aos 15.000 euros, pretende destinarse a dotar de conexión aqueles lugares nos que hai máis afluencia de visitantes, como pode ser Doade, tal e como adianta o Concello. A concesión deste proxecto permitiría crear unha rede de puntos de acceso gratuítos e de alta velocidade a Internet en diferentes lugares públicos de Sober.

A maiores, Sober ten previsto ampliar a mesma rede con fondos propios municipais para poder estendela a outras zonas, como Os Chancís, os miradoiros, as proximidades das casas de turismo rural ou a propia capitalidade.

“O obxectivo da iniciativa Wifi4 EU é proporcionar en toda a UE a residentes e visitantes acceso a internet de alta calidade a través de puntos de acceso WIFI gratuítos situados en espazos públicos como parques, prazas, edificios administrativos, bibliotecas ou centros de saúde”, indican dende o Concello de Sober.

Os bonos financiados pola Comisión Europea a través desta iniciativa concederanse para axudar aos municipios para instalar os puntos de acceso WIFI nestes centros da vida pública, utilizando os servizos de empresas de instalación de WIFI.

Cada municipio poderá contratar á empresa de instalación de WIFI da súa elección para instalar os equipos inalámbricos. O bono WiFi4EU é unha subvención en forma de achega que se destina a cubrir soamente os custos de equipamento e instalación de puntos de acceso WIFI. Corresponderá aos municipios correr cos gastos de conectividade (abono a internet), mantemento e funcionamento do equipo durante polo menos tres anos.

Artigos relacionados

Back to top button