ConcellosSoberÚltima hora

Sober pon en marcha un servizo de atención do alumnado antes e despois da xornada lectiva

O servizo "Concilia" ofrece, como nos curso anteriores, dúas modalidades: "Madrugadores" polas mañás e as "Ludotardes"

Foto: Concello de Sober.

 

Dende o Concello de Sober volve poñerse en marcha o servizo de conciliación familiar “Concilia” destinado ao alumnado do Colexio Virxe do Carme durante o curso 2020/2021. O obxectivo deste servizo, que tivo unha boa acollida nos cursos anteriores, é o de servir de axuda ás familias que precisen que os seus fillos sexan atendidos un tempo antes de entrar ou despois de saír do Colexio.

“Con esta medida pretendemos avanzar na conciliación familiar ao tempo que lle permite aos nenos seguir aprendendo e divertíndose cos seus compañeiros baixo a supervisión dun profesional”, indican dende o goberno municipal.

O alcalde soberino, Luis Fernández Guitián sinala que “o Concello porá ao servizo das familias un profesional para atender a estes alumnos no propio centro escolar que se encargará de ofrecerlles unha programación de xogos e actividades”.

Servizo de mañá e de tarde

O servizo “Concilia” ofrece dúas modalidades: unha pola mañá e outra pola tarde. A través do servizo ‘Madrugadores’, con horario de 07:45 a 09:30 horas, o profesional do servizo encargarase da atención aos nenos e nenas para comezar o día antes do horario lectivo con xogos, actividades de lectura, debuxo, etc.

Xa pola tarde, de 15:45 a 17:30 horas, o Concello de Sober oferta tamén un servizo denominado “Ludotardes” no que os nenos e nenas poden aproveitar para compartir cos seus compañeiros xogos e actividades antes de que os pais os recollan.

Medidas anti-Covid

Fernández Guitián explica que “co obxectivo de manter afastada o Covid-19, o servizo “Concilia” do Concello de Sober cumprirá con todas as medidas de prevención e protocolos establecidos polas autoridades sanitarias”.

Artigos relacionados

Back to top button