EconomíaEconomíaÚltima horaViticultura

Sober, repleto de actividades os días 11 e 12 de agosto

Terán lugar a XXIV Feira da Rosca, o mel e outros produtos da Ribeira Sacra e o 3º Túnel do Viño Amandi

 

Durante a presentación das actividades.

 

O Concello de Sober organiza os días 11 e 12 de agosto distintas actividades. A primeira é a XXIV Feira da Rosca, o mel e outros produtos da Ribeira Sacra, mentres que eses días tamén terá lugar o 3º Túnel do Viño Amandi.

O alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, presentou hoxe o cartel das actividades, e explicou que “van participar un total de 18 postos: 4 rosqueiros, 2 oleiros de Gundivós, 3 produtores de mel, 4 artesáns, 4 queixerías e un produtor artesá de castaña e derivados”.

 

 

A festa comeza o domingo ás 21:30 horas coa apertura dos postos. Ás 22:00 horas haberá unha actuación da Banda de Música de Sober e Os Parentes, para seguir conmemorando o 150 aniversario da formación. Ás 23:00 horas haberá unha degustación gratuíta de licor café e mel.

O luns ás 10:00 horas levarase a cabo o disparo de bombas de palenque. Ás 10:15 horas abriranse de novo os stands para dar paso ás 10:30 horas á demostración de artesanía e ferreiro en vivo coa colaboración do CENTRAD da Deputación de Lugo. Así, ás 13:00 horas farase a tradicional degustación gratuíta de 2.000 racións de rosca con queixo e ás 13:30 horas actuará o grupo de música tradicional Airiños de Orbazai.

En canto ao Terceiro Túnel do Viño, poderanse degustar os viños da subzona de Amandi e Sober. Haberá máis de 30 adegas que participaron con máis de 50 referencias.

Artigos relacionados

Back to top button