ConcellosÚltima hora

Sober será a primeira Corporación en formarse en España

O seu alcalde vén de propoñer celebrar o pleno o día 13 de xuño ás 00:01 horas
Salón de plenos do Concello de Sober.
Salón de plenos do Concello de Sober.

A de Sober será a primeira Corporación municipal de España en constituírse. O actual alcalde deste concello lucense, Luis Fernández Guitián, lograba revalidar a maioría absoluta nas pasadas eleccións do 24 de maio e, de cara a formar á nova Corporación, vén de propoñer a celebración do pleno o vindeiro día 13 de xuño ás 00:01 horas, algo que xa fixera hai catro anos.

Con este xesto pretende “que se fale do Concello de Sober “en positivo” a nivel nacional. “Parécenos que celebrar o primeiro Pleno á media noite pode converterse nun reclamo turístico que faga que os visitantes sigan vindo á localidade”, asegura Fernández Guitián.

Asemade o rexedor soberino vense esforzando ao longo destes anos por organizar “accións relevantes” que fagan que este concello da Ribeira Sacra, o seu nome e os seus tesouros naturais, paisaxísticos e patrimoniais cheguen ao mundo enteiro. “Hai catro anos conseguimos que Sober tivera presenza nos medios de comunicación a nivel nacional e cremos que isto axuda a que todo o mundo nos sitúe no mapa e se anime a achegarse á localidade e por iso imos repetir a experiencia”. Tamén anuncia que ten previsto brindar con viño de Amandi ao remate da sesión plenaria.

Artigos relacionados

Back to top button