En portadaÚltima hora

Sobrado de Trives ultima a súa VIII Festa Medieval

Esta iniciativa que rememora o pasado desta localidade será promovida polo Folión de Sobrado
Imaxe da pasada edición da Festa Medieval de Sobrado de Trives./ Foto: Carlos G. Hervella.

Cada primeira fin de semana de agosto Sobrado de Trives volve a vista atrás varios séculos e recrea o seu pasado medieval nunha festa moi especial na que se conmemora a anexión do Foral de Sobrado e do seu mosteiro á Coroa de Felipe II.

Esta celebración, que vén organizando dende hai oito anos o Folión de Sobrado, terá lugar esta volta os días 3 e 4 de agosto e contará novamente cun mercado medieval que permanecerá aberto de 18h. a 20h.

Na xornada do sábado os actos iniciaranse ás 18h. coa reunión de Damas e Cabaleiros na praza, seguida media hora despois do desfile de bandeiras e do traspaso de reinado. Logo virá o acto de coroación e o pregón do Rei e, xa ás 20h.,  farase a representación do Foral de Sobrado.

A partires das 22h. poderá desfrutarse dunha cea “ofrecida pola súa Maxestade” e cuxa entrada custará 18 euros e ás 23:30h. os membros do grupo de teatro da Asociación Cultural A Caniceira de Trives subiranse ao escenario para reprsentar a obra “Mortos de risa”.

A festa proseguirá o domingo 4 de agosto ás 13h. coa xuntanza de Damas e Cabaleiros na praza. Media hora despois terá lugar o desfile de Bodegas amenizado por Airiños de Caldelas (a entrada á ruta custará 5 euros) e ás 20:30h. actuará a Rondalla A Esmorga. Máis tarde, ás 23h. darase a sentencia do Santo Tribunal da Inquisición e farase a queima da bruxa.

A partires da media noite, ás 00:30h. fará a súa aparición o druída e haberá queimada. Esta edición da festa será organizada polo Folión de Sobrado en colaboración co Concello da Pobra de Trives e coa Deputación de Ourense.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button