CulturaCulturaÚltima hora

Sobrado (Trives) regresa esta fin de semana á Idade Media

Os días 6 e 7 de agosto haberá mercado, representacións, desfiles e a tradicional Queima da Bruxa

Publicidade
Representación do Foral diante dun entregado público na última edición da festa./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

Con ilusión e enerxía a Asociación Cultural Folión de Sobrado recupera neste verán a recreación da anexión do Foral de Sobrado e do seu mosteiro á Coroa de Felipe II. Será coma sempre a través dun completo programa de dous días (6 e 7 de agosto), nos que o pobo trivés regresará á súa época medieval cun mercado instalado na praza (de 17 a 20 horas) que dará cor ao pobo mentres que trovadores e xoglares deleitarán ao público coas súas cantigas e romances.

A celebración comezará o sábado ás 18h. coa reunión de Damas e Cabaleiros na praza. Para a ocasión, e como en anos anteriores, Sobrado elixe entre os seus veciños ao Rei das festas, cuxo acto de coroación terá lugar ás 19h. co pregón tralo desfile de bandeiras e traspaso de reinado.

 

A bruxa será queimada o domingo pola noite trala sentencia do Tribunal da Santa Inquisición. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

Ás 20h. terá lugar a representación do Foral de Sobrado seguida pola cea ofrecida pola súa Maxestade e despois, ás 23:30h. terá lugar a representación teatral La venganza de Don Mendo, obra de Pedro Muñoz Seca adaptada e interpretada pola compañía Juglar al Cinquillo.

A noite rematará coa actuación do grupo SkaloPndras e na xornada do domingo, ademais do mercado haberá unha nova reunión de Damas e Cabaleiros na praza (12h.) seguida do desfile de bodegas amenizado pola agrupación Airiños de Caldelas. A festa completarase coa esperada Queima da Bruxa, tras a sentencia do Tribunal da Santa Inquisición (23h.) con queimada a cargo do druída.

Artigos relacionados

Back to top button