DeportesÚltima hora

Sobre o nome do pavillón de Vilamartín

Artigo de opinión remitido por Óscar e Susana Nogueira

Exterior do pavillón polideportivo de Vilamartín de Valdeorras./ Foto: Mónica G. Bellver.

 

As persoas valóranse polos seus méritos, capacidades, habilidades, comportamento social e persoal. Non polos seus gustos, relixión ou ideoloxía política. Hai uns días, o pleno do Concello de Vilamartín de Valdeorras decidiu, co voto democrático dos representantes do pobo, de todas as pedanías que forman ese Concello, poñer o nome de Luis Nogueira ao polideportivo desa localidade, ao parecer sen nome ata o de agora.

Escolleron o seu nome, entendemos que polos seus méritos e capacidades deportivas cos que levou o nome do seu pobo, San Vicente de Leira, do seu concello, Vilamartín e da comarca, Valdeorras, por toda Galicia, España e Europa (só o seu medo para voar impediu que fóra por medio mundo).

As crónicas falaban do atleta vilamartinés ou o atleta valdeorrés, posto que Vilamartín é de Valdeorras. Iniciouse no atletismo na súa querida Barcelona, pero o seu amor polo seu pobo fíxolle volver. Supoño que o seu agarimo ao seu pobo e o feito de levar o nome de Vilamartín e de Valdeorras polas pistas de atletismo de tantos lugares foi outra das razóns desta homenaxe.

Pero non basta ser bo atleta para ser recoñecido, senón que tamén hai que ser unha persoa admirada polo que realizas día a día polos veciños da túa comarca, polo teu comportamento e compromiso social. Do seu comportamento social poden falar moitas persoas, as súas innumerables amizades, a súa familia, os seus coñecidos, os seus compañeiros e compañeiras do atletismo, os mozos e mozas aos que axudou e animou a practicar ese deporte, os seus compañeiros e compañeiras de traballo no Hospital Comarcal Valdeorras e, sobre todo, os miles de pacientes de toda a comarca aos que axudou co seu trato e o seu agarimo incondicional. Luis era empático, paciente, bo conversador, sabía escoitar, axudar, aconsellar, era asertivo, respectuoso, bo, xusto o que alguén necesita ao seu lado cando está a pasar un mal momento nun hospital, coidador. É probable que todos eses veciños da comarca aos que Luis coidou non coñecesen a súa faceta deportiva, pero seguro que foi para eles un campión en xenerosidade. E todo isto, día tras día durante máis de 30 anos.

As homenaxes deberían facerse en vida, a nosa sociedade peca en demasiadas ocasións desa falta de reflexos. Con todo, se iso non é posible, non ten sentido opoñerse agora porque, “meréceo, pero de momento non e xa buscaremos outra solución”, posto que as homenaxes han de ser actos de memoria consciente. Seguramente hai máis persoas do Concello que os merecen, e deben facerse por suposto, pero que iso non impida que alguén que é digno tamén, quede sen el.

Artigos relacionados

Back to top button