PolíticaÚltima hora

A socialista Noela Blanco pide para o Entroido de Viana a declaración de interese turístico nacional

Vén de presentar no Parlamento galego unha pregunta sobre este tema para a súa resposta oral no pleno e unha proposición non de lei
A deputada Noela Blanco, na súa visita a Viana o pasado Domingo de Entroido./Foto: A.R.

No Parlamento galego a deputada socialista Noela Blanco vén de rexistrar unha serie de iniciativas parlamentarias para pedirlle á Xunta que apoie a declaración do Entroido de Viana do Bolo como de “interese turístico nacional”. Neste senso presentará no pleno unha proposición non de lei e formularán unha pregunta sobre este mesmo tema. Os socialistas reivindican o mesmo recoñecemento para esta festa do que xa gozan os entroidos tamén ourensáns de Xinzo da Limia e de Verín.

A parlamentaria ourensá pide ao goberno galego que atenda á petición aprobada polo pleno do Concello a proposta dos socialistas no ano 2014 co fin de acadar unha distinción fundamental para impulsar “unha das festas máis antigas e simbólicas de Galicia”. Ademais, engade, suporía “un revulsivo socioeconómico nunha provincia que precisa urxentemente de medidas de acción positiva en tódolos ámbitos”.

Ademais Blanco lembra que a declaración precisa dun informe favorable dos organismos turísticos da Xunta de Galicia, que deben remitir o expediente, acompañado deste informe, á subdirección Xeral de Calidade e Innovación Turísticas, da Secretaría Xeral de Turismo, quen, a continuación, procederá a emitir o seu ditame.

Por este motivo, o PSdeG pide a través destas iniciativa parlamentarias que a Xunta realice tódolos trámites recollidos na Orde que regula a declaración como Festa de Interese Turístico Nacional ao considerar que o Entroido de Viana é “un dos máis orixinais que se celebran en Galicia e o evento máis antigo e con máis tradición da zona”.

Artigos relacionados

Back to top button