EconomíaEconomíaEn portadaGalerías de fotosSen categorizarÚltima hora

Socialistas e nacionalistas presentarán nos plenos da Rúa e Petín mocións “contra a deslocalización de Iberdrola”

Así o anunciaban nunha rolda de prensa conxunta celebrada na tarde do 11 de abril na Rúa. Dende Iberdrola aseguran se trata dunha reorganización que se fará dentro de dous anos e que afectará a unhas 9 persoas

“Contra a deslocalización de Iberdrola en Valdeorras” presentarán unha moción conxunta os grupos municipais do PSdeG-PSOE e do BNG nos próximos plenos das corporacións da Rúa e de Petín. Así o anunciaban representantes de ambas formacións políticas nunha rolda de prensa que se celebraba na tarde do 11 de abril no salón de actos do Concello da Rúa.

“Esta moción contén a preocupación que temos polo que entedemos que é unha deslocalización de Iberdrola do noso concello en primeiro lugar e da comarca de Valdeorras, en segundo lugar”, destacaba o alcalde da Rúa, Luis Fernández Gudiña. “O que pretendemos con ela”, engadía, “é expresar o rexeitamento a que Iberdrola abandone o seu centro de mando de na Rúa pola perda de postos de traballo que iso supón e, por outra banda, esixirlle á Xunta de Galicia que se poña en contacto con Iberdrola para evitar esta deslocalización que en este momento se nos di que é puntual dunha determinada parte da empresa, pero que entendemos que ao final acabará sendo unha descolalización total da empresa e centrar todo, como estamos vendo en Salamanca”.

“Os postos de traballo lévanos e deixan as presas que son as que xeran problemas medioambientais, a parte de compensación ambiental que teñen que facer non a fan porque non hai unha administración que lles obrigue a facela. Entón temos toda a parte mala que supón ter aquí presas e, por ser produtores, a electricidade máis cara de todo o Estado, e quedámonos sen a parte que pode ter un certo rendemento social e de postos de traballo. O feito de que pouco a pouco Iberdrola se vaia levando todos os servizos ten que ter unha compensación”, aseguraba María González.

Pola súa banda, o alcalde de Petín, Miguel Bautista, insistía en que “temos a luz máis cara de España, un servizo terceiromundista e xa está ben. Non teñen investido nada e quitaron persoal” e preguntábase “por que trasladan isto para Salamanca, ¿por que non veñen os de Salamanca aquí ao rural?”.

Na súa exposición de motivos, a moción lembra que “desde o nacemento de Saltos del Sil, A Rúa, Petín e o conxunto da comarca de Valdeorras e o oriente ourensán teñen sido centro de produción hidroeléctrica. Esta produción axudou a un certo desenvolvemento económico no seu momento pero tamén ten tido un coste medioambiental evidente”.

Ademais os grupos políticos asinantes da moción din no seu texto que “a última noticia coa que nos levantamos nunha mañá recente foi que Iberdrola ten decidido pechar o seu centro de control na Rúa para trasladar a todo o seu persoal a Salamanca”.

E na moción estes grupos políticos tamén sinalan que “somos plenamente conscientes da boísima relación que teñen exhibido en beneficio propio o presidente da Xunta e o presidente e conselleiro delegado de Iberdrola (precisamente nado en Salamanca), intercambiándose piropos, aplausos e eloxios que seguro que foron moi efectivos para os intereses propagandísticos do presidente da Xunta pero como fica palpalbe non serviron para nada á comarca de Valdeorras”.

“Non hai tal deslocalización” din dende Iberdrola

Dende Ibedrola aseguran que non se trata dunha deslocalización, senón dunha reorganización que só acabará afectando a unhas nove persoas no oriente ourensán. “En Valdeorras, Trives, Viana, Vilariño de Conso e demais somos unhas 150 persoas no que é Ibedrola Hidráulicas, e delas unhas 50 están nas oficinas da Rúa. Debido a unha reorganización está previsto que dentro de dous anos e medio un dos departamentos que hai nas oficinas da Rúa, con 16 persoas, se agrupe xunto con outras 16 persoas na conca do Duero, outras 16 en Valencia e outras 16 na zona de Cáceres, nunha soa unidade que se vai centralizar en Salamanca. Isto non quere dicir que esas 16 persoas se vaian ter que desprazar porque haberá algunha xubilación, algunha recolocación, etc, calculamos que da xente que hai na Rúa isto vaille a afectar ao final a entre 6 e 9 persoas e dentro de dous anos”.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

 

 

 

Artigos relacionados

Back to top button