En portadaGalerías de fotosÚltima hora

Solange Pereira e Nassim Hassaous, ganadores absolutos da XXXIII Milla do Barco

Numerosos atletas de todas as idades enchían de festa e deporte o circuíto do Malecón na tarde do 15 de setembro

 

A atleta galega Solange Pereira (Valencia Esports) vén de consolidarse como a auténtica raíña da Milla Urbana do Barco na tarde do 15 de setembro. Na 33ª edición desta proba de ruta, que forma parte do calendario da federación española, Pereira lograba a súa décima vitoria no Barco, cun notable dominio, se ben confesaba que non foi doado facerse co título e que tivo loitar nun circuíto do Malecón no que se medían trece corredoras.

Tras ela entraban en meta Lidia Campo (Playas de Castellón) e, xa en terceira posición Esther Navarrete (F.C. Barcelona). Na carreira absoluta tamén competían as Sub20/Sub18 e entre elas o mellor resultado valdeorrés viña da man de Inés Docampo Gamarra.

Coa carreira feminina absoluta poñíase o broche a parte competitiva dunha Milla do Barco cun circuíto ateigado de público e cunha gran participación de atletas de todas as idades, dende meniños de apenas 3 anos ata veteranos. Xusto antes da proba feminina, tiña lugar a absoluta masculina que nesta edición non contaba con participación valdeorresa. A vitoria, que se decidía na derradeira volta, era para Nassim Hassaous (Añares Rioja), mentres que o subcampión era Sergio Jiménez (Playas de Castellón) e o terceiro clasificado Fernando Sáinz (Piélagos).

 

O ganador da Milla absoluta masculina, Nassim Hassaous, xusto antes de cruzar a liña de meta no Barco.

 

Ademais na metade a Milla, xusto antes do inicio das carreiras dos atletas máis pequeniños, rendíaselle unha homenaxe aos atletas valdeorreses e tamén aos do Club Adas con mellores resultados na pasada tempada: Alejo Ares, José Manuel Fernández, José Manuel García, Susana Arrúa así como Carlos Revuelta e Leticia Gil (que non puideron estar presentes).

Dende a Federación Galega de Atletismo o seu presidente, Isidoro Hornillos, destacaba a pé de circuíto o bo ambiente desta Milla barquense, a gran participación e o nivel de luxo na probas absolutas. “Realmente ten sido unha vez máis todo un éxito organizativo. É unha proba tremendamente vistosa e alegroume ver aquí a tantísimo público”.

 

Os participantes na carreira de nenos e nenas de menos de tres anos antes de tomar a saída. Máis fotos na edición en papel do Periódico O SIL.

 

Tamén dende a Real Federación Española de Atletismo, o delegado federativo na Milla, Antonio Álvarez, destacaba a boa organización desta cita barquense. “Levo vindo dende o ano 2012, menos o ano pasado que estiven no mundial de veteranos de Málaga, e a organización paréceme perfecta e a participación podemos ver que é a mellor do calendario”.

Este evento barquense finalizaba coa entrega de premios a partires das nove da noite. Esta XXXIII Milla Urbana “Festas do Cristo 2019” ten sido organizada polo Concello do Barco coa colaboración do Club Adas-Proinor, a Federación Galega de Atletismo e a Delegación Valdeorresa desta mesma federación. Tamén colaboraba coa organización nesta cita a Policía Local do Barco, o GES Valdeorras, Protección Civil, Ambulancias Sil e Garda Civil, así como numerosos voluntarios.

Fotos: Carlos G. Hervella.

O Periódico O Sil entregaba tamén nesta edición un premio á mellor valdeorresa da carreira absoluta, Inés Docampo Gamarra, e ao mellor valdeorrés, pero como nesta ocasión non houbo representación masculina da comarca, o trofeo recibíao o mellor ourensán, Alejandro Fernández.

 

Vídeos das carreiras absolutas da Milla do Barco:
https://osil.info/videos-dos-ganadores-absolutos-da-xxxiii-milla-urbana-do-barco-entrando-en-meta/

Máis información e fotos:
https://osil.info/a-33a-milla-do-barco-reunia-a-preto-de-300-participantes/

Artigos relacionados

Back to top button