DeportesGalerías de fotosÚltima hora

Solange Pereira e Víctor García reinan na Milla do Barco

A intensa chuvia marcaba as probas absolutas desta competición barquense na tarde do 14 de setembro

O Malecón do Barco convertíase na tarde do 14 de setembro nun circuíto de atletismo no que se daban cita atletas de todas as idades (dende menos de 3 anos ata veteráns) e de diferentes puntos de España para participar na XXVIII Milla Urbana do Barco, incluída no calendario nacional. Espectáculo, deporte de alto nivel e moita participación nunha cita deportiva que comezaba coas categorías base (benxamín, alevín, infantil e cadete) e continuaba coas junior-xuvenil masculino e coas probas de veteráns e populares, tanto femininos como masculinos. De seguido, cobraban protagonismo os atletas máis novos coas carreiras de nenos dende menos de 3 anos ata 7 anos.

Xa entrando na recta final da Milla, tiña lugar unha homenaxe aos valdeorreses que teñen sido medallistas este ano en probas nacionais e tamén ao corredor máis veterán da cita: Victorino Berzosa “Viti”. A partir de aí a Milla enfiaba a súa recta final coa categoría absoluta. Eran as competicións máis agardadas e comezaban polas atletas, que tomaban a saída pasadas as sete da tarde. Entre elas estaba, un ano máis, a valdeorresa Eva Arias. Solange Pereira era de novo a favorita e non defradou, a pesar das duras condicións nas que se desputou a cita: no medio dunha torrencial tormenta. Pereira ganaba con rotundidade, seguida de Leticia Fernández e Bea Valiente.

A continuación, e cando xa ía amainando a treboada, tocáballe o turno aos absolutos masculinos, onde o nome máis coñecido polo público desta volta era o de Víctor García, ganador xa nunha ocasión no Barco. Houbo igualdade nas primeiras voltas, pero Víctor García impúxose e fixo fronte aos seus máis directos e xoves rivais: Saúl Ordóñez e Ignacio García, que foron segudo e terceiro, respectivamente.

A proba foi organizada polo Concello do Barco e o Club Adas en colaboración coa Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo. Nos premios, o Periódico O Sil entregou varios trofeos.

Texto: Ángeles Rodríguez Fotos: Carlos G. Hervella
(Máis información na vindeira edición en papel do Periódico O Sil).

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button