DeportesEn portadaEspecial Cristo 2016Galerías de fotosÚltima hora

Solange Pereira e Víctor Riobó repiten triunfo na Milla do Barco

Nesta trinta edición, que foi especialmente emotiva, reuníanse boa parte dos vencedores desta proba de atletismo

Gran participación, alta calidade e moita emoción. A XXX Milla do Barco resultaba, un ano máis, todo un éxito. Enchía de público e atletas o Malecón do Barco, convertíndoo nunha festa do atletismo. Era unha edición especialmente emotiva na que se lle rendía homenaxe aos vencedores deste evento ao longo das 29 edicións anteriores, grandes figuras do atletismo nacional e internacional que volvían reunirse logo de moitos anos ante o público valdeorrés: Jesús Alonso, Andrés Díaz, Sergio Gallardo, Lolo Penas, Alejandro Fernández, Víctor Riobó, a vilamartinesa Eva Arias e Solange Pereira. Facían asemade unha volta de homenaxe polo circuíto, en medio dos aplausos das persoas que o enchían.

A competición desta XXX Milla comezaba ás seis da tarde coas categorías base (benxamín, alevín, infantil, cadete e junior-xuvenil) que ían congregando a numeroso público ao longo do percorrido. Despois viñan os veteranos e populares (feminino e masculino) e, de seguido, os atletas de menor idade (nenos de 7 anos ata meniños de menos de 3 anos).

A expectación medraba a partires das oito da tarde coas probas absolutas feminina e masculina, nas que algúns dos anteriores vencedores homenaxeados competían de novo polo título da Milla nesta edición. Era o caso de Eva Arias (Adas) e de Solange Pereira (Valencia Terra i Mar), quen conseguía vencer con rotundidade e facerse coa súa sétima vitoria no Barco. O segundo posto acadábao Cristina Espejo (Hinaco Monzón) e o terceiro Beatriz Álvarez (Universidade de Oviedo).

No caso da absoluta masculina corrían de novo Víctor Riobó (Santiago), o ourensán Alejandro Fernández (desta volta coa camiseta do Adas) e Lolo Penas, con vitorias en anteriores anos. Deles só un repetía podio e triunfo nesta ocasión: Riobó. Ao mesmo tempo protagonizaba a anécdota desta XXX Milla ao despistarse no xiro da primeira volta e enfiar cara a meta, perdendo así tempo e posicións na proba. Sen embargo, lograba remontar e, na derradeira volta, estaba de novo en cabeza e cruzaba en primeiro lugar a meta. Tras el entraban Saúl Ordóñez (New Balance) e Nassim Hassaous (Vino de Toro Caja Rural).

A Milla concluía coa entrega de premios na que participaban o alcalde do Barco, Alfredo García, varios concelleiros, entre eles o de Deportes, Aurentino Alonso; ademais do presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos. No decurso deste acto homenaxeábase aos medallistas valdeorreses durante a pasada tempada. Esta XXX Milla Urbana do Barco ten sido organizada polo Concello do Barco, o Club Adas e a Delegación Valdeorresa da Federación Galega de Atletismo.

Texto: A.R.
Fotos: Carlos G. Hervella.
Máis información e fotos na edición en papel do Periódico O Sil

Artigos relacionados

Back to top button