Centos de atletas de todas as categorías dábanse cita na tarde do 17 de setembro no Malecón do Barco. Máis que unha competición, a vila acollía unha festa coa 31ª Milla Urbana. A competición comezaba coas categorías base ás seis da tarde en medio dun numeroso público de todas as idades. Os primeiros en correr eran os benxamíns, alevíns, infantís e cadetes (categoría a partir da cal xa se corre a milla completa, 1.609 m), tanto en categorías masculinas como femininas. Logo corrían os junior-xuvenil masculinos e, xa ás 18.50h., os veteranos, populares e federados, masculinos e femininos.
Finalmente, rozando as oito da tarde comezaba a Milla absoluta coa novidade de que nesta edición disputábase en primeiro lugar a carreira absoluta masculina especialmente igualada. Entraban xuntos en meta Daniel Arce e Jesús Gómez e a organización tiña que recurrir á gravación da entrada para poder determinar cal dos dous era o vencedor. En terceiro lugar quedaba Gonzalo Vasconcelo.
No caso da Milla feminina, non houbo sorpresas, e a galega Solange Pereira adxudicábase con rotundidade a súa oitava vitoria no Barco. Desta volta no podio estaban tamén dúas atletas do Adas, xa que Leticia Fernández lograba o subcampionato e Ester Navarrete quedaba terceira.
Os mellores valdeorreses na categoría absoluta eran Alejo Ares e Marta Ballesteros, que recibían un recoñecemento do periódico O SIL.
Galería de fotos da Milla:
https://osil.info/especiales/resumo-da-31a-milla-urbana-do-barco-en-imaxes/