ConcellosÚltima hora

Solemne celebración da Semana Santa en Celanova

Un dos actos centrais do programa é a escenificación da Paixón o Venres Santo, 25 de marzo
Cristo crucificado na escenificación da Paixón en Celanova. /Foto: José Manuel Feijóo.
Cristo crucificado na escenificación da Paixón en Celanova. /Foto: José Manuel Feijóo.

Organizado pola comunidade parroquial San Rosendo (coa colaboración do Concello e a participación da Banda de Música Municipal, o grupo de teatro Solpor e a agrupación coral da parroquia), o programa de Semana Santa 2016 en Celanova xira en torno a tres actos destacados: a escenificación da Paixón; a procesión do Santo Enterro; e as visitas guiadas ao Mosteiro de San Rosendo, á Torre de Vilanova dos Infantes e á Casa dos Poetas (do 19 ao 28 de marzo a excepción do luns 21).

O programa inclúe asemade actividades paralelas como obradoiros e ludoteca para os nenos, pero os actos litúrxicos da Semana Santa en Celanova arrancarán o Domingo de Ramos, 20 de marzo, co Equinoccio na capela de San Miguel, e a bendición dos ramos na praza do Millo seguida pola procesión e misa.

A Dolorosa na procesión do Santo Enterro. /Foto: José Manuel Feijóo.
A Dolorosa na procesión do Santo Enterro. /Foto: José Manuel Feijóo.

O Xoves Santo, 24 de marzo, sucederanse os actos destacando as confesións e a Misa na Cea do Señor, e xa o Venres Santo será o día central. Ás 12h. levarase a cabo a escenificación do proceso civil e relixioso contra Xesús, dirixida por Alfredo Vázquez Dorado; ás 18h. terá lugar a función litúrxica en catro actos (lectura da Paixón, adoración da Cruz, oración universal e comunión); ás 19:15h. a crucifixión, seguida polo Sermón das Sete Palabras, o desencravo co traslado do corpo xacente de Xesús á urna, e a procesión do Santo Enterro (20h.). Na procesión desfilarán os pasos do Neno Xesús, o Ecce Homo, a Crucifixión, o Santo Enterro e a Dolorosa, coa participaciòn da Banda de Música de Celanova, o grupo de tambores O Cristal e 150 cofrades.

O Sábado Santo, 26 de marzo, celebrarase a Vixilia Pascual ás 19h. coa bendición do Lume, do Cirio Pascual e da Auga Bautismal, seguida da Misa de Resurrección. O broche aos cultos porase o Domingo de Pascua, 27 de marzo, coa eucaristía e celebración bautismal ás 12h.

Artigos relacionados

Back to top button