OurenseÚltima hora

Solidariedade e deporte en Vilamartín para loitar contra o cancro de páncreas

A “Carreira das cidades contra o cancro de páncreas”, que se celebrará o vindeiro 25 de novembro con saída dende Valdegodos, presentábase en Ourense
Presentación da “Carreira das Cidades contra o Cancro de Páncreas” de Vilamartín en Ourense.

Son 11 quilómetros de percorrido correndo ou camiñando para dar visibilidade ao cancro de páncreas e conseguir fondos para financiar a súa investigación. A “Carreira das cidades contra o cancro de páncreas” chega por vez primeira a Galicia a través dunha iniciativa promovida por varias vilamartinesas. Tras darse a coñecer nun acto o pasado 7 de novembro no Hospital Comarcal de Valdeorras, agora este evento deportivo presentábase na mañá do 15 de novembro Pazo Provincial en Ourense, nun acto no que participou o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; a gastroenteróloga e responsable da Unidade de Páncreas do Hospital Universitario de Ourense, María Francisco; e a asociada de ACANPAN (Asociación Cáncer de Páncreas) e unha das promotoras da iniciativa, a vilamartinesa Belén Gómez, ademais de Bernardino González, asesor deportivo da Deputación.

Trátase dunha proba que xa se ten levado a cabo noutras cidades como Las Rozas, Alacante, Terrassa, Roma ou Milán, e que o día 25 de novembro chegará a Vilamartín de Valdeorras, sendo a primeira vez que se disputa en Galicia. A saída da andaina será ás 10.30 horas e a da carreira será ás 11.30 horas, ambas desde o CEIP Xosé Manuel Folla Respino. Os interesados en participar poderán inscribirse, ata o día 22 de novembro, por un custo de 10 euros para os adultos e de 5 euros para a inscrición infantil, e “todo o diñeiro que se recade irá destinado ao 100% para as becas de investigación de cancro de páncreas”, explicaba Belén Gómez.

As inscricións poden realizarse a través da páxina www.carreirasgalegas.com ou presencialmente en diferentes establecementos de Vilamartín, O Barco, A Rúa, Rubiá e A Pobra de Trives, incluso o mesmo día da proba. Asemade, todas aquelas persoas que non participen na proba poden colaborar con esta causa a través do Dorsal 0 en www.carreirasgalegas.com, ou directamente coa Asociación Cáncer de Páncreas a través da súa Fila 0.

A doutora María Francisco destacaba que o adenocarcinoma de páncreas é a “terceira causa de morte por cancro, e que se aprecia, a nivel nacional, un lixeiro incremento a diferenza doutros cancros, polo que se espera que no ano 2030 sexa a segunda causa de morte por cancro. Isto quere dicir que é un cancro agresivo, que diagnosticamos en estadios avanzados e que, por tanto, temos que buscar melloras tanto en diagnóstico precoz, como nos tratamentos que temos hoxe en día”.

A realidade actual do panorama europeo é que “hai pouca investigación destinada unicamente a mellorar a situación deste cancro, por elo, desde hai tres anos, a Asociación Española de Pancreatología comeza con esta iniciativa das carreiras contra o cancro de páncreas. Comeza en Alacante e estendeuse por diferentes municipios de España e, a través desta iniciativa, conseguimos situarnos no mapa e poñer o noso grao de area a esta causa”, explicou a doutora Francisco.

Pola súa banda, o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou a importancia de desenvolver no noso territorio eventos que aglutinen “deporte, saúde e solidariedade”, que contribúen a “fomentar a práctica deportiva entre os nosos veciños e tamén a dar visibilidade e recadar doazóns para a investigación do cancro de páncreas”.

 

Artigos relacionados

Back to top button