En portadaÚltima hora

Solidariedade en tempos de crise, nas terras de Valdeorras e Trives

Neste estado de alarma polo coronavirus hai xente que aporta o seu gran de area de forma desinteresada, facendo cafés e doces pero tamén artigos de protección como mascarillas e pantallas

 

Estamos a vivir un momento moi complicado, a nivel social e económico pero sobre todo sanitario. Aínda que comezan a diminuír, o número de afectados e falecidos polo Covid-19 segue sendo aterrador. Pero tamén nesta situación excepcional, ou quizais precisamente por iso, abrollan por doquier persoas que de forma totalmente desinteresada deciden aportar o seu gran de area, ofrecendo aquelo que teñen, aos que máis o necesitan neste momento. Todos estamos sufrindo e temos medo pero hai colectivos que están en primeira liña de batalla contra o virus, loitando día e noite para que o impacto sexa o menor posible: as forzas e corpos de seguridade e sobre todo o sanitario.

Pensando neles, cada día vemos a Ricardo Cela (Café-Bar Lisboa) levar doce cafés con magdalenas (donadas por Bimbo) ao servizo de Urxencias do Hospital de Valdeorras. Asegura que o primeiro día que foi, o luns 13 de abril, a imaxe que viu ao entrar na sala, impactoulle. “A xente estaba traballando pero estaba todo en silencio, coma se non se coñecera de nada, nun ambiente de tristeza, de medo”, conta Ricardo, engadindo que en canto o viron cos cafés cambioulles a mirada, “sobraban as palabras, tiveron unha reacción de alegría, de xúbilo, un momento de subidón e só por iso pensei que terían o seu café todos os días”. Aínda que a idea deulla Javier Cid de Ambulancias Sil, que pensaba pagar os cafés para os sanitarios, a partir dese momento Ricardo decidíu que “esa xente tiña que ter ese momento do café, de desconexión do traballo, que non é doada, porque están en primeira liña da batalla e nótaselles que están esgotados e tensos”.

 

Ricardo Cela levando os cafés aos sanitarios de Urxencias do HPV. /Foto: Carlos G. Hervella.

 

A cousa non queda aí e Ricardo tamén reparte cafés a diferentes partes da vila. “En teoría sirvo no bar de 7 a 10 da mañá e a partir de aí lévoos eu aos lugares de traballo para que haxa o menor número de xente na rúa posible, e despois se vexo aos municipais no cruce acércolle o café sen preguntar, á xente da farmacia, da limpeza,… aos que están de cara ao público, para que sigan tendo o seu cafeliño de media mañá para desconectar do traballo porque fai falta. Son moitas horas e estás exposto e creo que fai falta ter ese momento e se pode ser cun café, pois aí estou eu”.

Pero Ricardo non está só. “A xente está colaborando, do primeiro ao último e síntome orgulloso de ver como arrima o ombro”, di. De feito, noutro punto da comarca, Fran Barredo de Lambone tamén colabora co que ten, as tartas. “A idea é obsequiar á xente que está de garda, porque claro, todo o mundo cumple co seu traballo pero as gardas sempre son máis duras e son tempos difíciles, por ese motivo decidimos aportar o noso gran de area. Creo que non se trata de dar máis ou menos senón do que tes e nós o que facemos é pastelería así que iso é o que aportamos”, di, explicando que comezaron levando tartas ao Hospital e a Asfaval, despois tamén á Garda Civil, á Policía Local,… e tivo unha acollida moi boa. “Pensamos que con dúas ou tres entregas chegaría pero esta situación estase alongando e non sabemos. A idea non é que o consideren como algo de fin de semana, senón como algo extraordinario, para recoñecerlles o traballo cun detalle, un agasallo sorpresa. Romper un pouco a tensión do momento e do traballo, que é moita”, sentencia Fran.

 

Entregando tartas de Lambone á Garda Civil. /Foto cedida.

 

Tamén con doces colabora o Hotel Spa As Maceiras na Pobra de Trives e os seus propietarios, Asunción Fernández e José Fernández encárganse de endozar os padares de moita xente neste momento tan delicado levando croisants, pasteis, porras e tamén chocolate, ao Concello, á Residencia de Maiores, ao Centro de Saúde,…Tamén aos Xulgados, á Garda Civil, a Correos. En xeral o reparto é de cando en vez, pero ao Centro de Saúde e ao persoal do 061 (PAC) e da Residencia “imos todas as fins de semana”, puntualiza Chon asegurando que o fan porque queren, a nivel particular, dende o primeiro momento “e seguirémolo facendo ata que se poida volver abrir que parece que non será nunca. A hostalaría témolo moi complicado”, asegura, lembrando que dende o minuto cero, o 13 de marzo, puxeron o hotel a disposición dos sanitarios que o necesiten. “A idea era traer tamén aos maiores da residencia no caso de que deran positivo, pero de momento está indo todo ben e non fixo falta”, conclúe satisfeita co seu labor.

 

Asunción Fernández de As Maceiras cos doces para levar./ Foto cedida.

 

A colaboración da cidadanía valdeorresa chega de formas moi diferentes e deixando de lado o apartado alimenticio, hai outra xente que aporta o seu traballo e esforzo para protexer do contaxio a eses mesmos profesionais que están máis expostos.

Un artigo tan necesario como escaso é a pantalla protectora que evita o contacto directo, e de fabricalas, con impresoras 3D, encárganse varias persoas na comarca de Valdeorras. Ángel Novoa da empresa informática do Barco Novoa Sistemas, foi un dos primeiros. Tal como el mesmo explica todo comezou nun grupo de Telegram no que tamén estaba. “Antes xa de que comezara o forte decidiron facer as pantallas para toda Galicia pero eu pensei en facelas só para O Barco porque senón tarde chegaban”. Así comezou coas primeiras, máis sinxelas, porque do que se trataba era de producir cantas máis mellor (tardaba unha hora por unidade), pero unha vez que a maioría da xente que as necesita xa as tiña, comezou a fabricar un modelo máis robusto que lle leva unha hora e vinte minutos completar, fabricando ademais “salva orellas”. Os primeiros, para colocar nas mascarillas cirúrxicas, tiñan mensaxes: “sodes os mellares”, “toda vai saír ben”, “heroes traballando” e levaban 20 minutos imprimir cada un polo que decidiu quitar as letras e facelas máis pequenos e saen 16 en 1 hora e media”, di, explicando que as impresoras funcionan as 24 horas do día pero el ten que ir da oficina a casa cada hora e media a cambialas, sendo pola noite cando monta todas as pantallas. Está vivindo unha tempada moi intensa pero asegura que “é momento de axudar non de ganar cartos”.

 

Ángel Novoa coas pantallas e “salva orellas” fabricados en 3D. /Foto cedida.

 

Os primeros colectivos en ter as pantallas foron os de emerxencias: sanitarios, 061, conductores de ambulancias, Policía Local, Protección Civil. Despois a Residencia de Anciáns, as farmacias (tamén a de Vilamartín e Rubiá) e Centro de Saúde e agora tamén supermercados e personas que seguen traballando, mantendo o contacto con Rubén López da Rúa que tamén as fai, para repartilas a través de Protección Civil. Con todo, Ángel asegura que o problema é a falta de material. Tivo a colaboración dos colexios de Viloira e Sobradelo, de Autoescuela Valdeorras, de La Rubia e ata de Ingeofisa, unha empresa de Coristanco, pero non é suficiente e resúltalle moi difícil conseguilo.

Ademais de Ángel e Rubén, no Barco tamén fabrica pantallas en 3D, Miguel Fernández de Infomilu.

 

Miguel Fernández, de Infomilu, coas pantallas que el mesmo fabrica. /Foto cedida.

 

Tamén as mascarillas son un ben moi necesario e escaso nestes momentos e son moitas as persoas que se encargan de elaboralas para despois repartilas. Un exemplo témolo en Valdeorras na Mercería Raquel. A súa propietaria, Encarna Domínguez, explica que empezaron a facelas practicamente dende que comezou o confinamento. “Ao principio eran de tecido de algodón de diferentes formas e cores (unhas con abertura para meter dentro un filtro, outras sen el con dobre ou triple tea,…) e entregabámolas no supermercado Covirán da Rúa onde Joaquín, amablemente, as repartía aos clientes de idade máis avanzada”, explica Encarna. Co tempo foise correndo a voz e contactaron con ela xente que quería colaborar na fabricación, “así que fomos proporcionando material a todo aquel que o pedía, incluída a xente que fai as pantallas”.

 

Cosendo  unha mascarilla de TNT na Rúa. /Foto cedida.

 

Nun momento dado empezaron a colaborar coa xente da Mercería Entredós da Rúa e grazas a esta colaboración, estanas facendo de material TNT “que parece ser do tipo que utilizan as mascarillas cirúrxicas, e que entregamos no Concello”, puntualiza Encarna, engadindo que é Protección Civil quen llas recolle no seu domicilio. Dende A Rúa aseguran que “en ningún momento cobraron nada por isto xa que cremos que é o momento de aportar o noso gran de area para a loita contra esta pandemia. Non podía ser doutro xeito”, conclúe.

Artigos relacionados

Back to top button