PolíticaÚltima hora

Somos Quen, segunda candidatura máis votada nas eleccións ao Consello das Mareas

Liderada por Davide Rodríguez de Manzaneda, acadaba o 25,26% dos votos o que se traduce en nove representantes no consello
Membros de Somos Quen, na presentación da candidatura en Ourense.

Do total de 1.565 votos emitidos nas eleccións ao Consello das Mareas, un total de 385 eran para a candidatura Somos Quen, que encabezaba Davide Rodríguez de Manzaneda. Cun 25,26% dos apoios, esta ten sido a segunda lista máis votada despois da de Máis Alá, liderada por Luís Villares, que conseguía o 58,6% dos sufraxios emitidos durante a pasada fin de semana. Así os resultados das votacións dan lugar a un Consello de En Marea formado por 21 representantes de Máis Alá, nove de Somos Quen e cinco de Queremos participar, que sumaba 245 votos.

Os representantes de Somos Quen no Consello das Mareas serán Davide Rodríguez Estévez, Iria Morgade Valcárcel, Modesto Renda Santiso, María Esther Duro Rodríguez, Alfonso Diz Diéguez, Sonia Vidal Lamas, Pablo Alonso Pérez (Patxi), Mónica González Fernández e Xurxo Triñanes.

Pouco despois de facerse públicos dende En Marea os resultados provisionais das eleccións, Somos Quen emitía un comunicado no que amosa o seu agradecemento “humildemente a todas as persoas que confiaron na nosa lista”. Din que a súa é unha “candidatura das bases, realizada en asembleas locais e que recolle xente de todos os recunchos do país. Nós, imos achegar o Consello das Mareas á xente do común, pois deben ser as bases as que marquen a axenda da dirección do partido instrumental; así o entendemos e así imos facelo”. E consideran que estes resultados “deben ser o músculo que faga que En Marea continúe traballando para as clases populares, en unidade popular e con respecto”.

Asemade Somos Quen expresa a súa “gran satisfacción e orgullo polo resultado obtido; pois imos ter nove representantes no Consello das Mareas que, xunto co resto de compañeiros, farán un gran traballo”. O seu cabeza de lista, Davide Rodríguez, manifestábase tamén contento co resultado obtido, indicando que “a partir de mañá, porémonos a traballar para ser a esquerda nacional que este país tanto precisa”.

Artigos relacionados

Back to top button