En portadaÚltima hora

“Son exclusivas, son o Rolls- Royce ou o Ferrari das bicis”

Gerardo Fernández, xerente de Cyclowood, empresa verinense de bicicletas de madeira de alta gama

 

O xerente de Cyclowood, Gerardo Fernández Pousada, cun dos modelos de bicicleta que fabrica esta empresa./ Foto: Carlos G. Hervella.
O xerente de Cyclowood, Gerardo Fernández Pousada, cun dos modelos de bicicleta que fabrica esta empresa./ Foto: Carlos G. Hervella.

Nada máis velas, namoran. A elegancia dos seus cadros, o deseño, a tonalidade… Pero, a parte da estética, está a súa dureza, flexibilidade, lixeireza, resistencia e estabilidade. Cada unha das bicicletas en madeira que Cyclowood pon no mercado é unha peza exclusiva. Non hai dúas iguais. “Son cadros únicos porque a veta e a cor das táboas que se usan son irrepetibles. Esa exclusividade é unha das características que busca o noso cliente. E despois está o confort que ofrecen. O que as proba non quere outra nunca máis, é unha sensación que hoxe non transmiten outros materiais”.

Gerardo Fernández Pousada, xerente de Cyclowood, resume deste xeito as claves dun proxecto pioneiro que botaba andar hai seis anos en Vilela (Verín) como unha alternativa á situación de crise que atravesaba a empresa familiar, adicada ao moble. Xestábase a partir dunha idea do seu bisavó, durmida dende hai case un século. “El fixo unha bicicleta de madeira, co plato e cos piñóns en forxa, porque daquela non había os medios de hoxe, nin sequera tiña neumático, e tivo que trenzar corda. Pero funcionaba”, relata Fernández Pousada. “Con ela fixo unha viaxe de ida e volta dende aquí ata Viana do Bolo, sen ningún percance”.

Retomando a iniciativa do seu antepasado, esta familia verinense embarcábase no 2008 na aventura de desenvolver unha técnica única a nivel mundial para bicicletas de madeira. “Está baseada nas propiedades do oso humano. O cadro das nosas bicicletas é de madeira. É oco, pero dunha peza, é dicir non unimos láminas”, aclara o xerente de Cyclowood. Foron varios anos de investigación e probas ata lograr a bicleta que agora comercializan.

Esta empresa, que dá emprego a sete persoas, exporta boa parte da súa produción a Centroeuropa, se ben agora pretende entrar en mercados como Miami, México e Inglaterra. Contan con catro modelos diferentes, dos que ao ano sae unha produción limitada. “Posta na casa do cliente en España, unha das nosas bicicletas pode estar en torno aos 4.500 ou 5.000 euros, segundo o modelo e pezas. E de aí para arriba, porque temos bicis montadas de 10.000 ou 12.000 euros. Son prezos elevados porque é unha peza exclusiva, é como se dixeramos un Rolls-Royce ou un Ferrari das bicis. Pero tamén, porque os seus compoñentes incrementan o custe. Por exemplo, metemos rodas de máis de 2.000 euros”, matiza Gerardo Fernández.

As Cyclowood podían verse en agosto na Eurobikes de Alemaña (a feira máis importante do mundo deste sector) e, en setembro, en Galicia con motivo da Volta a España e en Ponferrada no mundial de ciclismo. A mediados de outubro esta empresa realizará dous showrooms en Madrid e Barcelona de cara a afianzarse tamén no mercado español.

Cyclowood logra mesturar a artesanía da madeira coas novas tecnoloxías…
Si, efectivamente. Nós xogamos cunha certa vantaxe porque fumos pioneiros a nivel español no curvado macizo da madeira e esas técnicas agora estámolas aplicando ás bicicletas. É o caso da alta frecuencia ou da ultravaporización. Mesturamos un pouquiño de artesanía coa técnica, posto que hai cuestións, como os taladros de pedalear, que teñen que ser moi precisas para que non se perda a cadencia, a adherencia ao terreo.
Polo tanto, facelas implica ter bos coñecementos sobre ciclismo.
O meu pai sempre foi moi afeccionado á bicicleta dende os 10 ou 12 anos e o meu irmán foi ciclista amateur, pero por circunstancias tivo que deixalo un pouco. Segue correndo, pero noutro plan. Esa é outra vantaxe que temos.
A clave que fai diferentes a estas bicicletas está na súa técnica…
É exclusiva a nivel mundial e baséase no oso humano.
¿Téñena patentada?
Si, patentamos sobre todo elementos moi distintivos como é, por exemplo, a vaina inferior das bicis, unha apertura que levan. E aí está tamén un dos secretos das nosas bicis, que é a comodidade. A madeira en si xa absorbe o impacto e, se a iso lle engadimos o noso sistema de vaina, o que fai é disipalo.
¿Que tipo de madeira usan?
A nosa madeira base é o freixo porque é a que mellor se adapta ás propiedades físico-mecánicas. Hai madeiras máis densas ou de maior dureza, pero moi pesadas; e outras máis livianas que, sen embargo, non dan a resistencia. A de freixo é unha madeira coa que se busca o equilibrio. Usámola de base e tamén combinámola con outras como a de cereixo americano, a de teca ou a de nogueira americana. Sempre respetamos os seus tonos naturais, non utilizamos aditivos, nin tintes. É o tono que saque.
As bicicletas fanse cunha fibra natural e tamén son ecolóxicas…
Nós traballamos sempre con madeiras de talas controladas, con selos como o FSC. É un material sostible e dobremente ecolóxico porque a bici xa de por si é un vehículo non contaminante e, aínda por riba, está feita de madeira, que é biodegradable.
¿Cando tardan en fabricar unha bicicleta?
Hoxe estamos nun prazo de entrega duns dous meses e medio. Antes non se pode, é un produto artesán detrás do cal hai moitas horas. É outro concepto.
¿Como se fai unha Cyclowood?
Pártese dun deseño, cunha estética pero que se cinga a uns parámetros físicos que se deben respetar para a resistencia da bici. Despois diso trabállase a madeira, faise un prototipo, próbase e pasa unha homologación. Así é todo, a mellor proba que hai, como din sempre os técnicos, é a rúa, a base de quilómetros. Hoxe temos bicicletas que xa fixeron 70.000 ou 80.000 km. Clinton Summers é un ciclista extremo sudafricano que corre para nós e que acaba de completar hai pouco dun tirón Verín-Alicante. Tamén ten feito Alicante-Tourmalet, Alicante-Lisboa, París-Barcelona… todo en modalidade “non stop”. Ten botado 70 horas, 80 horas ou 109 horas, con descansos puntuais e sen asistencia. Iso aínda é máis complicado para unha bici, xa que non se para nunca. Tamén estamos co piloto Jordi Torres, do Aspar Team do campionato do mundo en Moto2, porque case todos os corredores fan os recoñecementos en bici.
¿Cales son os principais pasos do proceso de fabricación?
Selecciónase a madeira e sométese a un proceso de ultravaporización, que consiste en introducirlle auga a presión e, cando lla sacamos, o que fai é descubrir se hai algunha fenda que antes non se vía. Se é así, xa rexeitamos esa madeira. Unha vez seleccionada, secamos a madeira con alta frecuencia e logo comezaría a elaboración, o labrado e, de seguido, o lacado. Só o lacado e o pulido xa supoñen unhas 80 ou 90 horas de traballo. Despois poñénselle os compoñentes. Aí temos uns estándares dunha calidade sempre alta xa que a nosa bicicleta é exclusiva. Tamén podemos colocarlle os que nos demande o cliente, pero dentro das calidades que nós usamos.
Hoxe fan catro modelos diferentes, ¿con cal deles comezaron?
Co que denominamos romántica, integramente de madeira. Hai moita xente que me pregunta ¿é moi similar ao do teu bisavó? Conservo un recorte dun xornal onde se di que vendía bicis de madeira, pero desafortunadamente non teño fotos. Supoño que sería algo deste tipo. Cando vimos que o modelo romántica empezaba a chamar a atención e a gustar, decidimos evolucionar e sacamos a bici de estrada, máis coñecida como de carreiras, e logo veu a de cidade ou chopper e a última que fixemos é a de montaña. Non obstante, xa estamos traballando nun proxecto para sacar unha bici de muller cunha soa barra. Calculamos que, se as cousas van ben, podería estar en marzo. Ao mesmo tempo, imos evolucionando constantemente dentro dos modelos que temos en canto a deseño e confort.
¿Que destacaría das bicicletas de Cyclowood fronte a outras que hai no mercado?
O primeiro é o impacto visual, a estética. A simple vista dache unha sensación pracenteira. E despois o confort na absorción de adoquinados ou baches, nas baixadas, no trazado das curvas… Antonio del Pino, director da revista Triatlón e campión do mundo e de Europa de triatlón cross, di que ir na Cyclowood é como ir sobre unha alfombra. E Roberto Palomar, de Marca, que foi cunha das nosas bicis á Titan Desert e que acaba de realizar un mini-tour nos Pirineos de sete etapas, asegura que non quere outra. E logo está a súa exclusividade, a veta da madeira e a cor fan únicas a estas bicis. Tamén contan coa vantaxe da súa restauración.
¿E a súa resistencia?
Nas probas dá máis resistencia-fatiga que o aceiro ou o aluminio, por exemplo. A madeira é unha fibra natural, ten memoria e volve ao sitio. Fai flexión e iso non pasa nos outros materiais. As nosas bicicletas teñen cinco anos de garantía contra a fatiga.
¿Cal é o perfil dos seus clientes?
É un pouco variado. Mesmo hai xente que nin sequera é afeccionada ao ciclismo e que quere a bicicleta como elemento decorativo. Namórase dela e tena no seu salón, como unha peza de museo. Tamén hai corredores que están na élite e moito afeccionado ao cicloturismo, que en si é a quen vai enfocado o noso produto. Aínda que se pode competir con ela, nós pensamos máis naquela persoa que desfruta da bici, que vai correr, por exemplo, a Quebrantahuesos, a marcha cicloturista Larrau-Larrau, a Pedro Delgado, a dos Lagos de Covadonga ou o Desafío Ezequiel Mosquera aquí en Galicia.
¿A que mercados se dirixen?
O destino inicial foi Centroeuropa. Alí valoran moito a madeira como elemento construtivo, encántalles. Ademais teñen unha cultura da bici moi grande, ámana. Entón se lle levas unha feita en madeira, aínda mellor. Agora empezamos a traballar tamén en España e temos mercados abertos no que é Florida e México. En outubro teremos asemade unha presentación en Londres.
O feito de ter a sede da empresa en Verín, ¿supón unha vantaxe ou un inconvinte, tendo en conta que case toda a súa produción se exporta?
Creo que dá igual onde a teñas. Nós estamos traballando cunha casa de rodas que as fabrica no polígono de Pereiro en Ourense, e son americanos. Por agora non é un inconvinte para a cuestión de venda. Hoxe as distancias son moi curtas polos medios de comunicación e loxísticos que temos. E, ao estar centrados en Europa, non é exactamente exportación, isto sería cando o mandamos a países como México.
¿Prevén incrementar a produción?
O noso non é ir a máis en número de unidades. Ademais traballamos sobre pedido, mentres non entre, non se empeza a facer unha bici, entón non nos inflúe ese tema. De feito, aínda que nos pidan máis, ao final do ano non se fan máis dunhas determinadas bicis, o que a queira, ten que esperar. Afortunadamente non é un produto que se preste a facer en serie. Temos que darlle un pouquiño de valor ao artesán en Galicia e non só neste tema, tamén no barro, no ferro e en mil cousas máis… Isto é o noso, para o resto están as multinacionais. Aí é onde se pode competir, facendo algo distinto e de calidade, pola man de obra e polo ben feito que estea. E iso é o que busca o consumidor deste tipo de bicis. Quere calidade, dalle igual o prezo. O noso cliente valora o produto. Entón se houbera máis mercado, en lugar de aumentar a cantidade, faríamos a mesma e subiríamos o prezo. Os prezos que temos agora foron de lanzamento. Aínda que a moita xente poda parecerlle unha loucura, hai numerosas bicis de 5.000, 6.000 ou 7.000 euros que andan pola rúa e nós estamos máis ou menos nese prezo, cando falamos de que esta é unha bicicleta exclusiva.

Texto: Ángeles Rodríguez/ Ourense                       Foto: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button