Entrevistas

‘Son temas moi potentes e enérxicos’

O músico e compositor vasco Kepa Junkera afonda nas melodías tradicionais galegas no seu novo disco “Galiza”
Kepa Junkera (á dereita) con Xurxo Souto e Manuel Pazos de Merexo, acordeonista de 86 anos que participa no disco "Galiza".
Kepa Junkera (á dereita) con Xurxo Souto e Manuel Pazos de Merexo, acordeonista de 86 anos que participa no disco “Galiza”.

Boteiros, pantallas ou volantes. As figuras máis senlleiras do Entroido galego toman a portada de Galiza, o novo disco de Kepa Junkera (Bilbao, 1965), cuxo rostro aparece no peliqueiro que encabeza a ringleira de enmascarados. “Cando estaba imaxinando o proxecto ocurríuseme meterme na pel dos galegos, metaforicamente falando. Podía telo feito con traxes de baile, pero parecíame moi curioso o mundo do Entroido, que ademais é moi estenso e que vai máis alá deste traballo”, explica este artista, considerado o músico vasco máis internacional. As máscaras transmiten xa a cor, a enerxía e o ritmo ancestral deste traballo, no que Junkera rende homenaxe á relación que mantén dende hai tres décadas coa música tradicional galega, pola que sente auténtica devoción.
“Galicia posúe unhas melodías preciosas e, como compositor que tamén son, sei o difícil que resulta que teñan traspasado tantas xeracións e que teñan calado e chegado ata hoxe para que podamos emocionarnos con elas”.

Con ese sentimento afrontaba a finais do 2012 o proxecto de Galiza. Partía de pezas tradicionais galegas que foi aderezando, con acerto e sumo respeto, co alento da tradición de Euskadi. Para iso botou man da txalaparta (instrumento de percusión), a trikitixa (acordeón diatónico vasco), a pandereita ou os irrintzes (o equivalente aos aturuxos galegos). “A materia prima estaba aí”, di Junkera, “e a iso engadínlle a visión que eu teño desta música e tamén, conceptualmente, os instrumentos que penso que nós podemos aportar. E cando escoitas os temas parece que sempre estiveron aí”.

Para este músico Galiza (editado por Fol Música) supón un antes e un despois na súa traxectoria discográfica que arrancaba en 1987. Dende entón ten publicado case trinta traballos, entre os que figuran K no 2003, un disco dobre co que colleitaba o Grammy Latino ao Mellor Álbume Folk; ou HIRI no 2006, recoñecido como o mellor disco de World Music (xaneiro 2007) pola World Music Charts Europe. En todos eles parte de pezas tradicionais ou de temas propios, pero sempre enraizados na música vasca, que enriquece con outros ritmos e colaboracións. En cambio en Galiza é a primeira vez que “fago un proxecto con outras músicas”.

É froito dun traballo con case 200 artistas galegos, algúns recoñecidos (como son, entre outros, Berrogüetto, Luar na Lubre, as pandereteiras de Leilía ou a gaiteira ourensá Cristina Pato) e outros cunha importante canteira (como a orquestra SonDeSeu e aCentral Folque). Ademais é quen de incorporar o saber popular da música galega. Aparece o birimbao de Daniel e Emilio Do Pando, da Fonsagrada. Tamén, o acordeón de Manuel Pazos de Merexo, un músico de 86 anos da Costa da Morte que vén a simbolizar o nexo entre a cultura musical vasca e a galega a través do fol.

Este conxunto de colaboracións plásmase nos dous CD que compoñen Galiza. Recollen 23 pezas, entre elas alalás, muiñeiras, xotas, pasodobres, rumbas ou valses. Pero hai máis. O disco complétase cun libro coidadosamente editado (de formato 23×23 cm e tapas duras), cunhas 50 páxinas de textos, ilustracións e fotos. Este traballo publicábase o pasado 19 de novembro, xusto oito días despois de que Junkera fose distinguido co Premio Nacional de Folclore “Martínez Toner”.

A presentación oficial de Galiza tiña lugar en Pontevedra nun concerto que reunía a unhas 3.000 persoas e que se encetaba coa saída á escea das máscaras da súa carátula. Agora este músico e produtor está mergullado nunha serie de concertos e presentacións que o traerán con frecuencia por terras galegas neste ano. As citas máis inmediatas serán o 31 de xaneiro en Ponferrada (O Bierzo) e o 1 de febreiro en Santiago de Compostela.

Amósase moi emocionado con este novo álbume e agredece o gran apoio recibido para levalo a cabo e tamén a boa acollida que está tendo.

Este disco reflexa unha relación con Galicia que vén de moitos anos atrás, ¿como e cando xurde o seu primeiro contacto con esta terra?

É un contacto moi persoal, vén do meu barrio de Bilbao, Rekalde, onde moitos dos meus amigos eran descendentes de galegos. Despois, cando fun adentrándome no mundo da música, descubrín Galicia a través dos primeiros vinilos que foi publicando Milladoiro, e tamén nunha xira que fixen con eles e co grupo vasco Oskorri. Co tempo, fun sacando as miñas primeiras composicións e discos, e entón comezaron a chamarme dos festivais de Galicia. Tamén empecei a ter máis contacto coa súa música e coas xentes relacionadas con este mundo. Aí é cando descubrín as melodías galegas. Logo fun convidando a amigos a gravar comigo e, ao revés, eles tamén me convidaban a min. Son case 30 anos desa relación ata o día de hoxe.

 

Portada deste libro-disco, ilustrada con máscaras do Entroido ourensán.
Portada deste libro-disco, ilustrada con máscaras do Entroido ourensán.

E, ¿como xurde a idea de gravar “Galiza”?
Xa a finais do ano 2012 plantéxome facer esta homenaxe a todos eses amigos, a esta cultura e a estas melodías que me encantan. Ao longo do 2013 realicei as gravacións en cinco estudos en Galicia [un deles ourensán] e en dous de Euskadi, cunha idea clara: incluír toda esta música de orixe popular e cos seus instrumentos tradicionais. Non quixen introducir un piano, un baixo ou unha batería, senón que preferín que tivese esa sonoridade tradicional. Ademais eu, dende Euskadi, incorporo sons como os da trikitixa, a txalaparta, a pandeireta e os irrintxes, eses berros tan ancestrais. E incorporo tamén a miña forma de estruturar esas cancións, pero respetando moito o que aporta cada músico ou cada grupo de Galicia.

No proxecto colaboraron case 200 músicos…
Si, hai formacións moi grandes como SonDeSeu ou aCentral Folque.

Dase tamén unha visión interxeracional, xa que os músicos teñen idades moi diferentes.
Si, si. Hai alumnos da escola de aCentral Folque ou de SonDeSeu, é dicir, intérpretes dende 16 ou 17 anos ata músicos de 86 anos, como Manuel Pazos de Merexo. E logo hai xente xa moi asentada e profesional e outra amateur, algo que reflexa moi ben o que é Galicia, a forma na que está incrustada a cultura popular e a música na sociedade, como se vive e se comparte dende un entorno familiar, dende o dos amigos… Ademais en Galicia hai un coñecemento moi amplo do que significa a música popular, o que creo que é un caso excepcional en toda a península.

¿Resultou moi complexo o proceso de elaboración do disco?
Foi un ano de traballo, pero que está baseado nunha relación de case tres décadas. E precisamente por ser unha relación tan asentada non foi difícil. Sabía o que quería, os temas que me gustaban, a personalidade e estilo que podía aportar e logo, por suposto, está a xenerosidade enorme de todos os músicos galegos. Resultou un traballo moi doado, a dificultade ten sido quitar material. Iso foi o máis triste para min porque podía ter seguido gravando tantas melodías tan boas…

Dentro da súa traxectoria, ¿que supón este disco, no que se rompe a liña de anteriores traballos ao adicarse integramente á música galega?
Ata agora nos meus discos sempre gravei os meus temas, menos unha triloxía que fixen con pezas tradicionais de Euskadi. Eu coñecía melodías, pero nunca antes fixera un desembarco na música doutra cultura na dimensión que ten un CD. Esta é a primeira vez, pero sentínme moi a gusto coa experiencia. Dende que ti tes a idea na túa cabeza ata que se leva á práctica, sabes que poden ocurrir moitas cousas e, neste caso, desfrutei moitísimo e coa pena de que se terminase o proxecto, xa que aprendín moito tamén.

¿Que é o que máis lle gusta da música tradicional galega?
Sempre me gustaron moito as súas melodías, son preciosas e quedánseche en seguida. E cando os galegos tocan ou bailan un tema tradicional é case un ritual para eles. A persoa e a melodía convértense nun, entón esa emoción que vin e ese sentimento é o que sempre me ten cautivado da cultura galega. É algo que en moi poucos sitios sentín con esa enerxía.

Tras as presentacións que vén realizando dende novembro, ¿que acollida está tendo Galiza?
Presentación en directo do disco só houbo unha en Culturgal (Pontevedra), pero si teño feito diversas presentacións para contar o proxecto, tocar algo e compartir coa xente o disco. A resposta, tanto nas que fixen en Madrid, como en Barcelona ou en Euskadi, por exemplo, ten sido unha marabilla. Gustou moitísimo. A verdade é que estoulles moi agradecido aos músicos, aos colaboradores e a toda a xente que nos ten apoiado moitísimo, pero non só neste disco en concreto, senón durante tantos anos que me respaldaron nos directos. Estou moi contento e feliz de poder ter feito este traballo e, sobre todo da resposta. Ao longo deste ano teño que manter xa a presenza máis directa da música e creo que vai ser unha festa porque estes temas son moi potentes, moi enérxicos e con moita vitalidade. E penso que a resposta vai seguir nesa liña.

Falamos de tradición galega e vasca, pero este tipo de música está tendo unha trascendencia internacional…
Si, hoxe mesmo coñecía que a peza que abre o disco, o “Alalá Transfigurado” con Cristina Pato, é o primeiro tema da selección de cancións que fai unha radio de Irlanda. O problema destas músicas moitas veces acostuma ser a difusión. Entón, se chega, é imposible que te podas sustraer dese ritmo que ten o proxecto. Creo que esta cultura en especial é algo que vale moito a pena e que é moi exportable, trátase dunha música que lle gusta a todo o mundo.

Kepa Junkera tocando a trikitixa na gravación de "Galiza".
Kepa Junkera tocando a trikitixa na gravación de “Galiza”.

¿Como pensa que ten evolucionado a percepción que o público ten deste tipo de música tradicional?
Penso que a xente ten moitísimo interese e cando as descubre dalle moitas satisfaccións porque atopa cousas máis orixinais, máis alá das músicas máis estándar ou comerciais. E a miña experiencia é que hai un público enorme no mundo e que está moi interesado nas culturas e nas músicas un pouco máis artesanais, máis especiais. Moitas veces é unha cuestión máis de difusión, de acceso. Eu nunca sentín un rexeitamento.

A finais do 2013 estivo en diversas zonas de Galicia, entre elas Xinzo de Limia, promocionando o disco, ¿van continuar as visitas neste ano?
Si, o día 1 de febreiro estaremos en Santiago, no Teatro Principal, presentando Galiza, pero temos máis citas. Neste ano imos estar moito por Galicia e seguramente voltaremos pola provincia de Ourense porque a resposta sempre é positiva e o proxecto é moi bonito para tocalo tamén en directo.

 

Texto: Ángeles Rodríguez                Fotos: Fol Música

Artigos relacionados

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Back to top button

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies.
Pinche el enlace para mayor información. También puede consultar aquí nuestra política de protección de datos

ACEPTAR
Aviso de cookies
Close