ConcellosÚltima hora

Sorteo dos membros das mesas electorais e aprobación da conta xeral, no pleno do Barco

 

Dous únicos puntos tiña a orde do día da sesión plenaria que a Corporación barquense celebraba ás 13:30h. deste 22 de outubro. O primeiro deles era o sorteo para elixir a presidente e vogais das mesas electorais do Concello do Barco de cara ás vindeiras eleccións xerais do 10 de novembro.

En total O Barco terá 18 mesas electorais nestes comicios (as mesmas que nos anteriores), situadas no Teatro Lauro Olmo, no edificio de usos múltiples, na gardería municipal, na escola de Éntoma, na escola de Vilanova, na escola de Veigamuíños, no CEIP Julio Gurriarán, na Casa do Río Cigüeño, na Biblioteca municipal, no IES Martaguisela, no Concello do Barco e no CEIP Ramón Otero Pedrayo de Viloira.

Ademais sometíase á aprobación do pleno a conta xeral do 2018. “É un documento técnico”, sinalaba o portavoz do partido socialista, Aurentino Alonso, quen tamén destacaba que o Concello barquense “está a cumprir os obxectivos de estabilidade orzamentaria e está dentro do límite de endebedamento que marca a lei, cun 8,65% de débeda viva da súa capacidade de endebedamento”. Tamén aseguraba que “as contas do Concello están saneadas”.

Pola súa banda, a voceira do grupo municipal do PP, Sabina Aguado, coincidía en que a conta xeral “é un documento técnico”, se ben matizaba que “gustaríanos que se poña máis interese en solventar as anomalías que detecta intervención e que persisten ao longo dos anos en canto aos labores do funcionariado, para que dese xeito as cousas cheguen en tempo e forma”.

Finalmente, a conta resultaba aprobada polos 9 votos a favor do partido socialista (que non contaba coa presenza dun dos seus edís) fronte a 6 abstencións (5 do PP e 1 do BNG). Á sesión non asistía o concelleiro de Riada Cidadá.

Fotos: A.R.

Artigos relacionados

Back to top button