SanidadeÚltima hora

SOS Sanidade Pública denunciará ante a Fiscalía o “desmantelamento” da Cirurxía Pediátrica no CHUO

A plataforma concentrouse hoxe diante das portas do CHUO para reclamar un servizo 24 horas. A protesta foi apoiada polos grupos da oposición do Parlamento de Gaicia
Concentración diante das portas do CHUO. // Foto: Carlos Asensio.

A plataforma “SOS Sanidade Pública” concentrouse hoxe, 28 de xuño, diante das portas do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) para manifestar o seu malestar ante a falta dun servizo de Pediatría 24 horas. Así o manifestou o voceiro de devandita plataforma, Anxo Pérez Carballo. Dende esta plataforma aseguran que se está a facer un “desmantelamento progresivo deste servizo”. Esta iniciativa estivo apoiada polos grupos da oposición no Parlamento de Galicia, en concreto á concentración acudiron as deputadas Noela Blanco (PSdeG-PSOE); Eva Solla (En Marea) e Noa Presas (BNG).

Pérez Carballo animou a botar a vista atrás “cando hai sete ou oito anos había catro cirurxiáns pediátricos e o servizo de Cirurxía Pediátrica era o máis eficaz e efectivo e, incluso, o máis rendible de todos os servizos de Cirurxía de Galicia”. O voceiro apunta que a culpa deste deterioro é “da xestión do Partido Popular”. En 2012 a Cirurxía Pediátrica contou quedou con dous cirurxiáns “derivando a Vigo as intervencións urxentes e deixando aquí as programadas”, dixo. Pero, actualmente, o CHUO só conta cun cirurxián para este servizo de Pediatría “que, ademais, pouco lle queda para se xubilar”, asegurou Anxo Pérez, “polo que tampouco pode facer as intervencións programadas”. É dicir, todos os nenos están a ser derivados a Vigo e “os procesos tardan máis de seis meses en ser atendidos”.

Anxo Pérez Carballo. // Foto: Carlos Asensio.

Neste senso, Pérez Carballo asegurou que en Vigo “non van ser operados” senón que van comezar de novo con toda a rolda diagnóstica e probas. Dende a plataforma, en palabras do seu voceiro pensan o seguinte: “están conseguindo que unha vez que non queden cirurxiáns na nosa provincia e así non haberá problemas”. Pero este, segundo SOS Sanidade Pública, non é o único problema, xa que aseguran que dende a Xunta “non están a facer atraente este destino aos profesionais, xa que desmantelaron todo o servizo de Pediatría e, aínda que haxa unha oferta pública de emprego, non se cobren as prazas”. Tendo en conta todo isto, a plataforma denunciará ante a Fiscalía e acudirán ante o Valedor do Pobo.

Noa Presas. // Foto: Carlos Asensio.

As tres deputadas presentes neste acto subscribíronse ás palabras do voceiro de SOS Sanidade Pública. Noa Presas, deputada polo BNG para a provincia de Ourense no Parlamento de Galicia, asegurou que “esta é unha peza máis que se suma a outras cuestións que tanto o BNG coma outras forzas políticas denunciamos”. Pola súa banda, Noela Blanco, do deputada do PSdeG-PSOE no Hórreo, lembrou que o seu grupo parlamentario “apostou pola volta deste servizo á nosa provincia”. Blanco reiterou que “non estamos a pedir un luxo asiático” e asegurou que o que o Feijóo quere é “converter este hospital nun hospital de campaña, de segunda”. E animou a pensar “na provincia que é máis ca capital”.

Noela Blanco. // Foto: Carlos Asensio.

Finalmente, a voceira de En Marea, Eva Solla, avalou as palabras das súas compañeiras parlamentarias e asegurou que “seguiremos apoiando para que se restaure este servizo”. Reiterou que dende o seu grupo non entenden “por que os ourensáns e as ourensás non teñen dereito a unha sanidade pública de calidade”.

Eva Solla. // Foto: Carlos Asensio.

Texto: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button