EconomíaEconomíaÚltima hora

Spedion, con sede na Rúa, estuda a súa adhesión ao Clúster da Función Loxística

A directora da empresa en España, Beatriz García, mantivo esta mañá unha reunión virtual co xerente deste Clúster industrial, Iago Domínguez

 

Beatriz García, directora da empresa de matriz alemá Spedion, con sede na localidade da Rúa de Valdeorras, mantivo esta mañá unha reunión virtual co xerente do Clúster industrial da Función Loxística de Galicia, Iago Domínguez. Durante a reunión, García mostrouse interesada en coñecer de primeira man o labor que realiza esta Agrupación industrial, cuxo obxectivo é impulsar o sector loxístico galego como un piar estratéxico na economía da Comunidade Autónoma.

O xerente deste Clúster industrial sinalaba na reunión que “a función loxística engloba non só a actividade principal de empresas do sector loxístico, senón tamén a actividade de todas aquelas compañías en que a loxística figura como un factor fundamental na súa actividade, ben sexa polos custos que supón sobre o produto ou servizo, ou pola vantaxe que estas poden obter da súa optimización”.

Consciente de que a función loxística é un piar fundamental para o tecido produtivo da comunidade galega e das sinerxías e colaboracións que poden establecerse con outras empresas no seo deste Clúster industrial, a directora de Spedion manifestou a súa vontade de estudar a adhesión da empresa a este organismo sempre que pode supoñer “unha oportunidade” para “xerar novas e frutíferas relacións comerciais” á vez que “xerar máis visibilidade entre potenciais clientes”.

 

Imaxe da reunión virtual.

 

Spedion é unha empresa especializada no desenvolvemento de sistemas telemáticos de referencia en frotas de camións ou de vehículos mixtos de toda Europa. Na actualidade, ao redor de 500 clientes confían na xestión de SPEDION, que se achega a 29.0000 vehículos equipados e supera as 330.000 rutas mensuais.

Fotos cedidas.

Artigos relacionados

Back to top button