OurenseÚltima hora

Sportur Galicia 2018 celebrarase en Expourense do 15 ao 17 de novembro como antesala á XLII Carreira de San Martiño

Contará coa presenza de 125 expositores que organizarán un programa con máis de 100 actividades entre conferencias, presentacións, exhibicións, adestramentos, campionatos e obradoiros

Posicionar a Galicia como destino para o turismo deportivo e activo, e visibilizar o traballo realizado durante todo o ano por parte das federacións e clubs deportivos da comunidade. Son os principais obxectivos da segunda edición de Sportur Galicia, Salón do Deporte e Turismo Activo que se celebrará en Expourense os días 15, 16 e 17 de novembro, como antesala á XLII Carreira Popular de San Martiño cuxos corredores recollerán os seus dorsais no recinto feiral nos días previos a esta proba deportiva que xa superou os 11.000 inscritos.

Sportur Galicia naceu con vocación de continuidade e co obxectivo tamén de converterse en cita internacional en próximas edicións, xa que combina o binomio deporte + turismo e “contribuirá á desestacionalización do turismo achegando visitantes de proximidade a través do deporte. Esta cita quere situarse ademais como o foro do turismo activo do Noroeste Peninsular debido a que conta coa participación activa de Asturias e do Norte de Portugal”, aseguran dende Expourense. Esta segunda edición convoca a 120 expositores e a 7 países representados, entre os que destacan as federacións e clubs deportivos de Galicia e destinos de turismo activo e vencellados coa natureza que comparten espazo con empresas especializadas na organización integral de actividades deportivas ou venda directa, entre outros. Entre os expositores procedentes de Portugal destaca a presenza dos parceiros de Turismo Porto e Norte que animou ás cámaras municipais a presentarse como destino activo de proximidade. Dentro desta rexión tamén haberá outros destinos que participan de xeito independente como Ponte de Lima, Montalegre, Melgaço ou Vila Real, entre outras.

Trátase dun evento destinado a todos os públicos (deportistas, afeccionados ou principiantes de todas as idades, ademais das familias) e tamén se converterá nun escaparate para as federacións deportivas de toda a comunidade, xa que dos 125 expositores participantes, 30 son clubs e asociacións de distintos deportes que aproveitarán a súa presenza en Sportur para promocionarse organizando distintas exhibicións, adestramentos, campionatos e clases abertas para os visitantes.

Entre as novidades para esta edición destacan as actividades organizadas polo INORDE-Turismo de Ourense que inclúen a presentación da Copa Suzuki e unha exposición de coches de Rallye, ademais da visita e sinatura de autógrafos por parte dos pilotos Javier Pardo e Adrián Díaz. Tamén haberá a posibilidade de tomarse fotografías nos distintos escenarios de ademais “La Vuelta 2018”. O pitch and putt (deporte semellante ao golf) e a posibilidade de montar no globo aerostático da empresa REMAX serán outras das novidades desta edición.

Os datos desta edición eran presentados na mañá do 12 de novembro en Expourense nun acto no que participaron a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; o vicepresidente da Deputación e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; o concelleiro de Turismo de Ourense, Jorge Pumar; o concelleiro de Deportes de Ourense e xefe de servizo de deportes da Xunta, Mario Guede; o director xerente de Expourense, Alejandro Rubín; e a directora de Sportur, Emma González.

A entrada ao salón é gratuíta e o horario durante os tres días: de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.

Artigos relacionados

Back to top button