En portadaÚltima hora

Sputnik Labrego escavará no Castro de Valencia do Sil unha vivenda considerada de época tardorromana ou sueva

A intervención arqueolóxica, que se prolongará ata o 31 de outubro, poderá ser visitada polo público entre as 10h. e as 17h.

Zona da vivenda considerada de época tardorromana que será escavada por Sputnik Labrego no Castro de Valencia do Sil./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O vindeiro sábado 26 de outubro o equipo de investigadores de Sputnil Labrego iniciará unha intervención arqueolóxica no Castro de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras), na zona que fora xa escavara nos anos 70 polo grupo valdeorrés de Os Escarvadores e, máis recentemente, neste verán polo arqueólogo vilamartinés Santiago Ferrer.

O obxectivo principal desta campaña, na que o equipo conta co apoio do Concello de Vilamartín de Valdeorras, é escavar unha vivenda, posiblemente de época tardorromana ou sueva, co fin de obter información detallada tanto sobre as datas de ocupación do xacemento, como das condicións de vida dos seus habitantes.

Para isto os investigadores realizarán análises detalladas, que incluirán a toma de mostras de material orgánico para datación por Carbono 14 e tamén de argamasas para determinar a data de construción da vivenda. “Un aspecto moi interesante da escavación será obter unha boa mostra de ósos de animal, que xa saíron en anteriores intervencións, para poder determinar o tipo de economía dos habitantes de Valencia do Sil”, tal e como adianta Carlos Tejerizo, o director das escavacións.

A intervención terá lugar entre os días 26 e 31 de outubro e poderá ser visitada polo público entre as 10:00 e as 17:00h. “É importante que a xente da comarca coñeza este singular xacemento, que permitirá entender un período da Historia moi escuro mais que pouco a pouco poderemos iluminar”, di Celtia Rodríguez, co-directora das intervencións.

Ademais, o próximo sábado día 26 de outubro o arqueólogo Santiago Ferrer ofrecerá unha visita guiada dentro do programa de actos organizados dende o Concello do Barco con motivo 50 aniversario do descubrimento do Mosaico da Cigarrosa (A Rúa) por parte dos Escarvadores.

 

Artigos relacionados

Back to top button